Triunfo do Super Froiz na Volta a Ávila con Miguel Gómez como gañador; Martín Lestido, terceiro
Por Redacción
O Super Froiz volveu triunfar en terras abulenses. O equipo pontevedrés proclamouse gañador da XLII edición da Volta Ciclista a Ávila. E fíxoo por partida dobre, xa que ao triunfo incontestable de Miguel Gómez na clasificación individual, que conseguiu o maillot de líder xa dende o primeiro día, o conxunto dirixido por Evaristo Portela sumou a vitoria como mellor equipo desta rolda de dúas etapas, disputada esta fin de semana.
Na primeira etapa, que saíu da capital abulense, xa se fixo patente o dominio do Super Froiz. A pesar da dureza do percorrido e da intensa calor reinante, os pontevedreses controlaron a carreira ao, xa tras a subida ao Alto de Serranillos -porto de primeira categoría- e a El Pico -de segunda-, Miguel Gómez acompañado de Pablo Guerrero (Rodríguez Extremadura) adquiriron unha vantaxe suficiente para entrar en meta cunha ampla vantaxe.
Tras este primeiro triunfo parcial do Super Froiz, que situou a Miguel Gómez como líder e a Rubén García como terceiro clasificado, a escuadra de Pontevedra afrontou a segunda e última etapa co obxectivo de frear os ataques dos seus rivais. Por diante tiñan 72,5 quilómetros dende El Tiemblo en dirección á capital, co porto da Paramera (segunda categoría) por medio e coas tradicionais dez voltas á muralla de Ávila antes da meta.
Miguel Gómez, axudado polos seus compañeiros de equipo, puido aguantar as acometidas dos seus rivais e controlou a carreira para manter o maillot amarelo. Rematou en novena posición, a doce segundos do gañador da etapa, Noel Martín (Construcciones Paulín), un resultado máis que suficiente para asegurarse o triunfo con catro segundos de vantaxe sobre Pablo Guerrero. Terceiro foi Martín Lestido, tamén do super Froiz.
Grazas ao resultado destes dous ciclistas, xunto a Rubén García (oitavo), o conxunto pontevedrés fíxose co triunfo na clasificación por equipos, xusto por diante do Rodríguez Extremadura. Ademais, Miguel Gómez adxudicouse o maillot da regularidade e Rubén García conseguiu o premio ao ciclista abulense mellor clasificado.
O Froiz acudiu a esta carreira con Miguel Gómez, Pedro Merino, Rubén García, David González, Martín Lestido, José Luis Mariño e Sergio Míguez.
Relacionadas:
-
Miguel Gómez imponse na terceira etapa da Volta a Zamora pero queda a cinco segundos do liderado
Por Redacción |
-
Martín Lestido, principal baza para o Super Froiz no ecuador da Volta a Zamora
Por Redacción |
-
O Campionato de España en Cáceres, próximo reto para o Supermercados Froiz
Por Redacción |
-
Martín Lestido e Roberto Mediero, subcampións galegos de ciclismo elite e sub-23
Por Redacción |