Os piragüistas pontevedreses, ao asalto do Campionato de Europa de Maratón en Eslovenia
Por Redacción
Primeira grande cita internacional da tempada no piragüismo maratón coa disputa este fin de semana do Campionato de Europa, no que os palistas pontevedreses volven situarse na lista de favoritos ao triunfo.
Á localidade eslovena de Bohinj desprázanse 11 palistas galegos, entre os que se atopan Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos, Damián González ou Álvaro Fernández Fiuza.
Graña e Ferro (Kayak Tudense) afrontarán en Eslovenia o reto de lograr a súa terceira medalla de ouro consecutiva nun europeo na modalidade de C-2, tendo como un dos seus principais rivais a Tono Campos (Breogán do Grove) xunto ao seu compañeiro José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos).
Pola súa banda o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza (Covadonga) tamén pelexará polos postos de podio no K-2 xunto ao asturiano Walter Bouzán, tendo como uns dos seus principais rivais á parella composta polo tudense Iván Alonso e o zamorano Emilio Merchán.
Pontevedra tamén estará representada en Bohinj por Damián González (Verducido Pontillón) na modalida de C-1 sub-23. Completan a nómina de galegos Manuel Garrido (Kayak Tudense), David García (Firrete) e Rubén Dasilva (Kayak Tudense).
A Eslovenia tamén acode unha delegación oficial do Concello de Pontevedra, encabezada pola concelleira de Deportes Anxos Riveiro, para recoller a bandeira do campionato que lle testemuña como organizador do próximo Europeo de Piragüismo Maratón, o de 2016.
Relacionadas:
-
Óscar Graña e Ramón Ferro, prata no Europeo de piragüismo maratón; Fiuza, bronce
Por Redacción |
-
O pontevedrés Damián González roza as medallas no Europeo de piragüismo maratón
Por Redacción |
-
De Pontevedra a Eslovenia para tomar o relevo do Europeo de piragüismo maratón de 2016
Por Redacción |
-
Tono Campos e Diego Romero, ao Mundial de Milán tras gañar o selectivo de Verducido
Por Redacción |
-
Óscar Graña e Ramón Ferro, campións de España en Pontevedra e praza para Europeo e Mundial
Por Redacción |
-
Pontevedra goza co piragüismo maratón na primeira xornada do Campionato de España
Por Daniel Santomé |