Tono Campos e Diego Romero, ao Mundial de Milán tras gañar o selectivo de Verducido
Por Redacción
Tono Campos e Diego Romero volverán estar presentes nunha nova cita mundialista. Os padexeiros do Breogán do Grove impuxéronse no control selectivo que, na proba de C-2 1.000 metros, se celebrou este sábado en Verducido. Con este triunfo, lograron o billete para o Mundial de piragüismo que organizará a cidade italiana de Milán en agosto.
Os piragüistas do club meco tiveron en fronte a José Luis Bouza e Adrián Sieiro, por un lado, e a Sergio Vallejo e Brais Casas por outro. O vento deixouse notar nunha regata que se mantivo igualada ata os 500 metros. Foi a partir dese instante cando os compoñentes do Breogán do Grove mostraron a súa superioridade. Bouza e Sieiro foron segundos e Vallejo e Casas, terceiros.
Tanto Tono Campos como Diego Romero sinalaron que "as cousas saíron perfectas. Os rivais eran moi bos e houbo que empregarse a fondo. Este triunfo permítenos agora preparar o Mundial con toda a intensidade, xa que é un dos obxectivos da tempada,".
Xunto a eles, tamén lograron o pasaporte a Milán Gabriel Campo e Rubén Millán, que se impuxeron no selectivo de K-2 1.000 metros. Os padexeiros do Kaiak Tudense foron máis rápidos que os seus compañeiros de equipo, o canario Víctor Rodríguez e o tomiñés Roi Rodríguez.
Os catro padexeiros galegos clasificados terán a oportunidade ademais de loitar en Milán por unha praza nos próximos Xogos Olímpicos de Río.
Relacionadas:
-
O soño olímpico do piragüismo pontevedrés, en xogo no Mundial de Milán
Por Diego Espiño |
-
Diego Romero logra praza para o Mundial de Milán coa vista posta nos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
Os piragüistas pontevedreses, ao asalto do Campionato de Europa de Maratón en Eslovenia
Por Redacción |
-
Protagonismo pontevedrés no peche da Copa de España de piragüismo en Verducido
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro vence en Pontevedra e clasifícase para o Mundial de Piragüismo de Milán
Por Redacción |