Na Chanciña fíxose a luz
Por Redacción
O presidente do Campo Lameiro CD, Jesús María García Ameijeiras, informou que o sistema eléctrico no Campo Municipal da Chanciña xa volve funcionar con normalidade unha vez que foi reposto o cableado que foi roubado o pasado 7 de xaneiro.
Este martes pola tarde os equipos benxamín, alevín e o equipo afeccionado xa puideron empezar a adestrar con toda normalidade e puideron facer uso da iluminación do campo.
Tras os traballos de reparación realizados polo Concello de Campo Lameiro a iluminación do campo e o marcador electrónico xa funcionan con total normalidade, e polo que respecta ao sistema de rego, hai dúas bombas de rego que quedaron afectadas polo roubo (ao arrancarlle o cable estragaron parte do sistema electrónico) pero que serán reparadas en breve xa que estes danos non puideron detectarse ata que a corrente eléctrica volveu ser instalada.
Polo tanto, o planing de adestramentos do Campo Lameiro CD pode volver funcionar con normalidade e desta forma centrarse en alcanzar os obxectivos deportivos que están marcados para esta tempada e que pasan, sobre todo, porque o equipo afeccionado que milita en Primeira Autonómica, consiga manter a categoría.
Por outra parte García Ameijeiras anunciou que as obras dos novos vestiarios xa están próximas á súa finalización polo que en breve esperan que se celebre a súa inauguración.
Dende este club deportivo agradeceron ao Concello de Campo Lameiro, e en especial ao alcalde Julio Sayáns, pola rapidez coa que solucionou o grave problema que xurdira co roubo do cableado eléctrico no Campo Municipal da Chanciña.