O problemático día a día do Campo Lameiro tras o roubo do cableado no campo da Chanciña
Por Redacción
O roubo do cableado sufrido no campo municipal da Chanciña, en Campo Lameiro, o pasado mércores 7 de xaneiro está dificultando sobremaneira a actividade diaria do Club Deportivo Campo Lameiro.
A consecuencia do roubo é a imposibilidade de utilizar o alumado do campo, o sistema de rego e o marcador electrónico, pero é a iluminación a que máis dores de cabeza está dando aos dirixentes do club.
Tres equipos da base (escola de fútbol, benxamín e alevín) víronse obrigados a adiantar os seus adestramentos e a reducir a súa duración para aproveitar ao máximo as horas de luz solar. Con todo o que máis se está a ver afectado é o equipo senior que milita en Primeira Rexional.
Por motivos laborais dos xogadores os adestramentos comezan habitualmente ás 21:00 horas da noite, polo que nos últimos 15 días foron alternando sesións no pavillón municipal con partidos amigables en instalacións de clubs como o Moraña ou o Mosteiro.
Ademais xestionouse a cesión dalgún campo próximo en horas que teña libres de uso, pero esta opción é difícil de concretar en moitas ocasións.
Esta situación, que imposibilita unha correcta preparación, chega cando o Campo Lameiro loita por evitar o descenso e debe afrontar tres partidos claves ante Salvaterra, Chaín e Cambados.
Desde o club, tras contactar cos responsables municipais, esperan que o Concello arranxe canto antes as instalacións cuns traballos que foron presupostados en preto de 6.000 euros.