Medalla de prata para Carmen Gómez nos relevos mixtos dos Xogos Olímpicos da Xuventude
Por Redacción
O seu noveno posto na proba individual podía considerarse xa un bo resultado, pero Carmen Gómez Cortés rematou a súa participación nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing (China) do mellor xeito posible, subindo ao podio.
A triatleta pontevedresa colgouse a medalla de prata nos relevos mixtos, unha proba formada por equipos con deportistas de diferentes países divididos por continentes, compostos cada un por dous rapaces e dúas rapazas sobre a base dos resultados obtidos na carreira individual.
Carmen destacou dentro do conxunto Europa 3, no que tamén se encontraban a británica Sian Rainsley, o italiano Giulio Soldati e o húngaro Bence Lehmann.
Os relevos mixtos estiveron marcados polo ritmo vertixinoso da carreira. Cada un dos relevistas afrontou un primeiro segmento de natación de 250 metros no Lago Xuanwu seguido dunha volta ao circuíto ciclista de 6,6 quilómetros e dun sector final de carreira a pé de 1,8 quilómetros antes de ceder a testemuña a outro compañeiro de equipo.
Ao termo do primeiro relevo o equipo Europa 3 de Carmen Gómez estaba situado na terceira posición, posto que mantivo na segunda posta antes de que chegase a quenda da pontevedresa.
A deportista lerezana realizou unha fenomenal posta pelexando cos equipos de Europa 1 e 4 e o de Oceanía, ao que alcanzou para situarse na cabeza da competición no final da carreira a pé cun pequeno marxe sobre o resto.
O relevo final, a cargo do húngaro Lehman, mantivo unha intensa loita co conxunto de Europa 1, que finalmente se impuxo deixando ao bloque de Europa 3 nunha meritoria segunda posición. Completaron o podio os triatletas de Oceanía.
Relacionadas:
-
Recepción no Concello a Carmen Gómez Cortés, a triatleta pontevedresa de maior proxección
Por Redacción |
-
Indignación na Federación Galega pola exclusión de Carmen Gómez da lista para o Mundial Júnior
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Noveno posto para Carmen Gómez nos Xogos Olímpicos da Xuventude
Por Redacción |
-
Carmen Gómez, rumbo a Nanjing coa ilusión de brillar nos Xogos Olímpicos da Xuventude
Por Redacción |
-
Quinto posto para Carmen Gómez no Campionato de Europa Júnior de Triatlón
Por Redacción |