Protagonismo galego no Mundial de piragüismo de Moscú
Por Redacción
Os piragüistas galegos seguen rendendo a gran nivel no Campionato do Mundo en Augas Tranquilas que se está a disputar en Moscú.
Entre os deportistas destacados dunha intensa xornada de venres encóntranse as canoístas da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, que se clasificaron para a final do C-2 500 metros.
Raquel e Jenifer entraron no sexto lugar da súa serie eliminatoria, pero na semifinal deron un paso adiante para clasificar no terceiro posto e meterse na loita polas medallas tras marcar un tempo de 02:13.286.
Tamén lograron o seu pase á final o K-2 500 de Rubén Millán e Diego Piña (Kayak Tudense), tras entrar no terceiro posto na cualificación e tamén na súa semifinal, e o K-4 1.000 metros no que compiten Rodrigo Germade e ÿscar Carrera (Kayak Tudense) xunto a Javier Hernanz e Íñigo Peña.
Non correu a mesma sorte Adrián Sieiro (Piragüismo Poio), sexto na semifinal do C-1 500 quedando relegado á final B, ao igual que a parella formada por Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) no C-2 1.000 metros, ao entrar no quinto posto da súa semifinal.
Pola súa banda Ana Varela (Kaiak Tudense) quedou eliminada da competición no K-2 500, no que forma parella con Eva Barrios, ao concluír novenas na súa quenda das semifinais.
A xornada completouse coas clasificatorias dos 200 metros, na que o dúo composto polos galegos Cristian Toro e Carlos Arévalo no K-2 se asegurou de xeito cómodo o seu paso á semifinal, mentres no C-2 André Oliveira e Yeray Picallo (Náutico Firrete) tamén se clasificaron, aínda que con máis apuros.
Este sábado chega a quenda das primeiras finais, como a de David Cal no C-1 1.000 ou o K-4 500 no que participa Ana Varela.
Relacionadas:
-
Os piragüistas galegos despídense do Mundial sen medallas pero con boas sensacións
Por Redacción |
-
David Cal e Ana Varela, lonxe das medallas nas primeiras finais do Mundial de Moscú
Por Redacción |
-
David Cal clasifícase para a final do C-1 1.000 no primeiro día do Mundial de Moscú
Por Redacción |
-
David Cal, Tono Campos, Diego Romero e Adrián Sieiro, rumbo a Moscú para o Mundial de piragüismo
Por Redacción |