Fran Fandiño seguirá dous anos máis no Pontevedra e Yago Vázquez anuncia que non renova
Por Alejandro Espiño
Unha de cal e outra de area. Así son as noticias este mércores para o Pontevedra en materia de renovacións. Por un lado, o club asegurou a continuidade dun xogador considerado clave polos responsables deportivos do equipo. Trátase do centrocampista Fran Fandiño, que aceptou a oferta recibida e seguirá vestindo a elástica granate. Todo o contrario que Yago Vázquez que marcha descontento co trato recibido nestas negociacións.
Fran Fandiño, formado na canteira granate, seguirá dous anos máis en Pasarón. A próxima será a súa terceira tempada no primeiro equipo, ao que chegou tras dous anos no Alondras. A pesar das lesións, foi un dos homes máis determinantes esta tempada, sobre todo na segunda volta. Xogou 23 partidos, 19 como titular. Marcou seis goles, entre eles os dous que permitiron ao Pontevedra eliminar o Portugalete no playoff de ascenso.
Pola súa banda, Yago Vázquez abandona o Pontevedra tras dúas tempadas, unha delas alternando o filial co primeiro equipo. O club quería seguir contando co central redondelán, que foi titular indiscutible durante a segunda volta da pasada tempada, pero el mesmo confirmou a través da súa conta persoal de Twitter que non aceptou a oferta, entre outras cousas, pola "indecisión na renovación e a pésima oferta económica".
Fin a la andadura granate. Un autentico placer. Ese equipo merece cosas mejores. Mucha suerte en el futuro a mis compañeros y aficion!!!
Yago Vázquez (@yagov3) julio 16, 2014
Co futuro aclarado para estes dous xogadores, do equipo da tempada pasada tan só falta por desvelarse o que pasará con Tomás e Pablo Carnero, dúas pezas clave para o equipo, segundo o club, cos que aínda non se pechou un acordo definitivo.
No caso do dianteiro vigués, ten numerosas ofertas de Segunda B, pero non descarta quedar en Pontevedra ao valorar positivamente o proxecto deportivo que se está a crear co obxectivo de ascender de categoría. Volverá reunirse co club nas próximas horas para tomar unha decisión definitiva sobre a súa continuidade ou non no conxunto granate.
Relacionadas:
-
Pablo Carnero e Tomás renovan por dúas tempadas e completan un Pontevedra ilusionante
Por Ramiro Espiño | Creada e actualizada
-
Jorge Rodríguez e Capi, ex xogadores de Rácing de Ferrol e Ourense, súmanse ao Pontevedra 2014-2015
Por Ramiro Espiño |
-
Os dianteiros Benja e Luismi aceptan a oferta de renovación do Pontevedra e continuarán no club
Por Redacción |
-
Sergio Lloves, Pedro García e Miguel Centrón, tres xogadores "de garantías" para pelexar polo ascenso
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |