Absoltos os afeccionados do Pontevedra aos que Mauricio Rodríguez denunciou por ameazas
Por Diego Espiño
A Xuíza de Paz de Sanxenxo absolveu os oito afeccionados aos que o ex-presidente do Pontevedra Club de Fútbol, Mauricio Rodríguez Boullosa, acusou de insultos e ameazas tras o partido en Villalonga o día 5 de maio de 2013.
Tras a vista xudicial, celebrada o pasado 13 de novembro, Rodríguez Boullosa retirou a acusación sobre catro seguidores granates, pero mantívoas sobre outros catro, aos que a parte demandante lles solicitaba unha condena de 20 días a razón de 30 euros diarios (600 euros).
Estudado o expediente e as alegacións presentadas, a xuíza decidiu absolver os afeccionados establecendo que non está probada "máis participación nos feitos que a de expresar o seu desexo de dimisión" do que por aquel entón era presidente do club granate.
Mauricio Rodríguez denunciou no seu momento que varios seguidores o increparon á saída do estadio de San Pedro, rodeando o seu vehículo e chegando a aporrealo mentres proferían insultos e ameazas.
A este respecto a sentenza recolle o testemuño dos denunciados, que recoñeceron estar no lugar pero non ser autores dos feitos referidos.
Ademais o fallo, que foi notificado este luns aos afectados, sinala que "con respecto aos insultos a proba non foi esclarecedora de quen fora o autor destes, nin sequera de que estes fosen proferidos", ao mesmo tempo que apunta que nin Mauricio Rodríguez nin unha das testemuñas que achegou "identifica o autor, imputándoos xenericamente ao grupo, incrementando a indeterminación e dúbidas acerca de quen os puidese proferir".
En relación a esta testemuña, a sentenza argumenta que é o único que avala o relato de Rodríguez Boullosa, "ao que lle liga unha relación de amizade que xa pon en dúbida a súa parcialidade".
Por outra parte as costas do proceso xudicial foron declaradas de oficio, polo que ningunha das partes deberá facerse cargo destas.