Mauricio Rodríguez, incapaz de identificar no xuízo os afeccionados aos que denunciou por ameazas
Por Diego Espiño
O xuízo de faltas entre o ex-presidente do Pontevedra, Mauricio Rodríguez Boullosa, e oito afeccionados granates quedou visto para sentenza trala sesión oral celebrada este mércores no Xulgado de Paz de Sanxenxo.
Rodríguez Boullosa denunciou o pasado 5 de maio sufrir insultos e ameazas por parte de afeccionados lerezanos á saída do encontro disputado entre Villalonga e Pontevedra no campo de San Pedro.
Segundo o seu relato, os seguidores granates rodearon o seu vehículo, ao que golpearon en repetidas ocasións á vez que proferían insultos e ameazas cara á súa persoa.
Na vista oral o anterior dirixente granate ratificouse na súa declaración inicial, na que facía referencia tamén a unha chamada ao servizo de emerxencias 112 na que chegou a asegurar que "yo creo que no vamos a salir vivos de aquí, por favor manden a alguien", tal e como recordou na súa intervención ante a xuíza.
Tras esta vista, na que Mauricio Rodríguez foi incapaz de identificar a ningún dos presentes como autores da agresión, o ex-presidente retirou a acusación que pesaba sobre catro dos afeccionados, manténdoa sobre os catro restantes, identificados no seu momento na denuncia a través dunha fotografía, correspondente ao interior do estadio no transcurso do partido en cuestión, aportada como proba no escrito de acusación.
A cada un deles a parte demandante solicítalles unha condena por unha "falta por amenazas" de 20 días a razón de 30 euros o día (600 euros).
Pola súa banda todos os afeccionados negaron na súa intervención as acusacións, recoñecendo na maioría de casos estar no lugar pero simplemente "pidiendo la dimisión del presidente por su nefasta gestión".
Mauricio Rodríguez aportou tres testemuñas ao xuízo. Dous deles viaxaban con el no vehículo e apoiaron o seu testemuño, en especial en relación aos golpes no coche que defenden ter sufrido, aínda que nun dos casos asegurou non poder diferenciar os insultos supostamente referidos porque "dentro del coche no se escucha mucho".
A terceira das testemuñas foi o condutor do autobús do Pontevedra Club de Fútbol, aparcado xusto detrás do lugar dos feitos, un traballador que aínda que confirmou a presenza de dous dos denunciados e o estado de alteración dunha afeccionada, asegurou non ver golpe algún, ademais de non escoitar os insultos e ameazas referidas na denuncia ao atopase no interior do autocar.
Un dos avogados defensores, ademais do resto de afeccionados sobre os que se mantivo a acusación, solicitaron nas súas conclusións a libre absolución e a imposición de costas á parte demandante.
Relacionadas:
-
Absoltos os afeccionados do Pontevedra aos que Mauricio Rodríguez denunciou por ameazas
Por Diego Espiño |
-
Os afeccionados do Pontevedra denunciados por Mauricio Rodríguez irán a xuizo por ameazas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Mauricio Rodríguez denuncia insultos e abaneos ao seu vehículo ao final do partido de Vilalonga
Por Ramiro Espiño |