Gómez Noya inicia en Auckland a súa defensa do título nas Series Mundiais
Por Diego Espiño
A defensa do título de campión do Mundo de tríatlon comeza esta fin de semana para Javier Gómez Noya en Auckland.
Na localidade neozelandesa arrancan as Series Mundiais nas que intentará repetir o éxito de 2013, cando se impuxo nun emocionante sprint final en Londres que lle valeu o campionato.
O triatleta galego chega á cita nun bo estado de forma, despois do seu segundo posto na Copa do Mundo de New Plymouth. Alí o triunfo foi para un Mario Mola que será un dos principais rivais de Gómez Noya, xunto ao portugués Joao Silva e un Jonathan Brownlee con ganas de vingar a súa derrota na última proba da pasada tempada.
Tamén estarán en Auckland Fernando Alarza, membro do grupo de alto rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e Iván Raña.
A primeira proba das Series Mundiais disputarase baixo distancia olímpica (1,5 quilómetros de natación, 40 de bicicleta e 10 de carreira a pé) nunha competición que contará con outras sete paradas: Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Chicago, Hamburgo, Estocolmo e Edmonton, na que será este ano a gran final.
Dos resultados no inicio do campionato dependerá a participación de Javier Gómez Noya no Mundial de Dúatlon de Pontevedra, segundo el mesmo declarou no seu momento, ao coincidir en datas coa cita de Londres.
Relacionadas:
-
Gómez Noya arranca as Series Mundiais cun triunfo en Auckland
Por Redacción |
-
Segundo posto para Gómez Noya na Copa do Mundo de New Plymouth
Por Redacción |
-
Gómez Noya inicia a súa tempada en Nova Zelandia
Por Redacción |
-
Agridoces sensacións de Pablo Dapena en Mooloolaba (Australia), a súa primeira Copa do Mundo de Tríatlon
Por Alejandro Espiño |