Segundo posto para Gómez Noya na Copa do Mundo de New Plymouth
Por Redacción
O triatleta español Mario Mola (52:30) repetiu triunfo na segunda proba da Copa do Mundo celebrada na localidade neozelandesa de New Plymouth, con Javier Gómez Noya (52:33) en segundo lugar.
O galego, na súa primeira competición da tempada dentro do calendario ITU, competiu ata os últimos metros pola vitoria, quedando a só tres segundos de Mola, despois dunha carreira moi igualada.
A competición, disputada sobre a modalidade de sprint, contou ademais con outro triatleta nacional nos primeiros postos, xa que Fernando Alarza, deportista que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, finalizou no cuarto posto tras o portugués Joao Silva, terceiro.
Despois dun segmento de natación no que apenas se marcaron diferenzas, o ciclismo contou cun grupo de máis de 30 triatletas entre os que se encontraban os grandes favoritos.
A carreira decidiuse no tramo a pé, onde Mola impuxo o seu mellor estado de forma ante o actual campión do Mundo.