Alfonso 'Pisko' Ventín triunfa no Rallymix de Ribadumia
Por Redacción
Despois dun ano de parón, os motores volveron ruxir durante a fin de semana en Ribadumia coa celebración da terceira edición do RallyMix Concello de Ribadumia, cuarta proba puntuable para o Campionato de Galicia de rallies mixtos terra/asfalto.
Alfonso 'Pisko' Ventín foi o protagonista da competición ao impoñerse na Clase A e como máis rápido da combinada cun tempo total de 45:39.838. A vantaxe sobre o segundo carcross en competición, o de Cristóbal Serantes (cuarto da xeral), foi ampla, de máis de 2 minutos, mentres que terceiro finalizou Jaime Castro (quinto da xeral).
Segundo da xeral e vencedor da Clase B foi o equipo formado por Francisco Dorado e Andrea Lamas a bordo do seu Volkswagen Polo R5, superando no seu caso con acerto e Jorge Iglesias e o seu Ford Festa N5 en 13 segundos, terceiros na combinada.
Ademais Pisko Ventín impúxose tamén na Copa MRF, e Francisco Dorado e Andrea Lamas foron os mellores participantes da Copa Pirelli 4x4.
Rubén Vázquez e Sandra Amaro impuxéronse pola súa banda na Copa Pirelli DIanteira, Carlos e Matias Maquieira en Copa Escuderías, Iván e Adrián Vázquez levaron o Memorial Epi e Andrea Lamas o Memorial Bárbara G. Oubel.