A Federación confirma o ascenso do Arxil á Liga Feminina Challenge
Por Diego Espiño
É oficial. O Club Baloncesto Arxil xogará a próxima tempada na segunda categoría nacional, a Liga Feminina Challenge.
A Comisión Delegada da Federación Española de Baloncesto confirmou este martes, tras validar a documentación presentada polos clubs, que equipos competirán en cada unha das categorías do baloncesto estatal, outorgando a vacante deixada polo Bembibre ao Arxil na citada Liga Challenge ao ser o equipo que gozaba de maior mérito deportivo á finalización da pasada campaña, na que caeu na final polo ascenso.
Á espera desta decisión e das posibles vacantes, o club pontevedrés formalizara a súa inscrición tanto en Challenge como na Liga Feminina 2.
Co seu ascenso preséntase un reto de grandes dimensións para o Arxil, que será o único galego en liza compartindo categoría con grandes proxectos do baloncesto nacional, como un Barça CBS que vén de renunciar ao seu posto na elite, o Recoletas Zamora, o Innova-TSN Leganés, o Azul Marino Mallorca Palma ou o CAB Estepona Jardín de la Costa del Sol, entre outros.
Serán en total 16 os equipos que participarán na Liga Feminina Challenge, competición que arrincará o sábado 28 de setembro con 30 xornadas que concluirán o 26 de abril para dar paso a unha fase final no mes de maio. Dúas serán as prazas de descenso a Liga Feminina 2 e outras dúas as de ascenso, con oito equipos pelexando pola honra de chegar á máxima categoría.
Os equipos participantes na que será a cuarta tempada de existencia da Liga Feminina Challenge son: CAB Estepona Jardín de la Costa del Sol, Unicaja Mijas, Azul Marino Mallorca Palma, Vega Lagunera Toyota Adareva Tenerife, Recoletas Zamora, Lima Horta Barcelona, Barça CBS, Alter Enersun Al-Qázeres Extremadura, Innova TSN Leganés, Sernova Renovables Real Canoe, Melilla Ciudad de Deportes La Salle, Domusa Teknik ISB, HGB Horbisa Greenkw Barakaldo, NBF Castelló, La Cordà de Paterna NB e CB Arxil.
Relacionadas:
-
O Arxil estreará a LF Challenge recibindo o TSN Leganés
Por Redacción |
-
Marita Janeiro será a adestradora do Arxil para a súa tempada de estrea en LF Challenge
Por Diego Espiño |
-
Carolina Bernardeco, primeira baixa confirmada polo Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil ten "moitas posibilidades" de competir en Liga Challenge
Por Almu Dapena |
-
Primeiros pasos do Arxil 2024-2025 mirando de reollo a un posible ascenso administrativo
Por Redacción |
-
O Arxil reármase tras as dúas semanas "máis intensas" da súa historia
Por Diego Espiño |
-
A homenaxe máis sentida a Maite Méndez: "Sempre no teu equipo, xefa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Domusa Teknik esperta o Arxil do soño do ascenso (55-40)
Por Almu Dapena |