O Arxil ten "moitas posibilidades" de competir en Liga Challenge
Por Almu Dapena
O Club Baloncesto Arxil pode poñer este martes 16 de xullo o broche de ouro a unha gran tempada ascendendo a Liga Challenge.
E é que, desde que finalizou a pasada campaña, houbo moitos movementos na categoría de prata do baloncesto feminino, comezando coa permuta de praza entre o Barcelona e o Spar Gran Canaria, o intercambio entre o Claret e o Lima Horta, e entre o Barakaldo e Alcobendas.
Pero a cousa non termina aí. Andratx colle a praza de Barakaldo en Liga 2 e Alcobendas descende a Primeira Nacional; mentres que o Bembibre, que baixou de Liga Endesa, tenta vender a súa praza de Liga Challenge co fin de saldar a complicada situación económica que vive.
Neste sentido, segundo a información que puido reunir o Arxil, houbo varios intentos de compra, pero "cabe a posibilidade" de que haxa unha vacante que a Federación Española de Baloncesto "outorgue por méritos deportivos".
É neste momento entra en xogo a boa tempada realizada polas pontevedresas, que disputaron a fase de ascenso a Liga Challenge e son as primeiras "na orde por méritos" de poder promocionar de categoría.
"Hai moitas posibilidades de que podamos ascender", indican desde o club despois de presentar a inscrición e o aval para as dúas categorías (Challenge e Liga 2).
Esta decisión tomada pola directiva arxilista chega despois de estudar o custo económico que supoñerá competir na segunda categoría nacional, na que tería que viaxar a Zamora, Valencia, Estepona, Leganés, Cáceres, Mallorca, Madrid, Málaga, Barcelona, Tenerife, Castelló, Guipúscoa, Barakaldo e Melilla.
"Quizá sexa o momento de cumprir o soño", sinala Lino Vázquez, quen deixou claro que o equipo "sairá a pelexar por todo sen renunciar a nada".
En todo caso, será o martes 16 cando a Comisión Delegada da Federación Española de Baloncesto tome a decisión de a quen outorgará a praza que queda vacante tras a renuncia do Bembibre.
Relacionadas:
-
Marita Janeiro será a adestradora do Arxil para a súa tempada de estrea en LF Challenge
Por Diego Espiño |
-
Carolina Bernardeco, primeira baixa confirmada polo Arxil
Por Redacción |
-
A Federación confirma o ascenso do Arxil á Liga Feminina Challenge
Por Diego Espiño |
-
Primeiros pasos do Arxil 2024-2025 mirando de reollo a un posible ascenso administrativo
Por Redacción |
-
O Arxil reármase tras as dúas semanas "máis intensas" da súa historia
Por Diego Espiño |
-
A homenaxe máis sentida a Maite Méndez: "Sempre no teu equipo, xefa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Domusa Teknik esperta o Arxil do soño do ascenso (55-40)
Por Almu Dapena |