Lupe abandona o consello, Argibay entra e Tilve dá un golpe de man na xunta de accionistas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Ao fío da media noite, despois de máis de 3 horas dun debate por momentos acalorado e mesmo agre, remataba no Teatro Principal a xunta xeral de accionistas do Pontevedra, e facíao rodeada de polémica. Unha polémica xerada coa proposta de novos membros do consello de administración e a forma na que se someteu a aprobación os seus nomeamentos.
Abonda dicir a xeito de resumo que o apartado económico, que prometía un interesante debate, quedou relegado a un segundo termo ante as transcendencia do que sucedeu a continuación. Primeiro coa noticia da renuncia de Lupe Murillo, presentada previamente por escrito, a continuar no consello de administración.
Logo viría a continuidade de José Antonio Millán, a proposta propia. E moito máis rechamante a decisión posterior de Alberto Argibay, que despexaba dúbidas previas sobre se accedería a incorporarse ou non ao órgano de xestión do club, presentando a súa candidatura a conselleiro.
Pero o verdadeiro golpe de man deuno inmediatamente despois Ricardo Tilve, que non só se postulou como candidato a incorporarse de novo ao consello, senón que, unha vez foi aprobado, propuxo os nomes doutros catro aspirantes máis: Enrique Mariño Couto, José Pablo Galván Carballo, Manuel Ruibal Rodríguez e Roberto Feans Souto, os dous últimos ausentes na xunta.
Como queira que entre medias se aprobara tamén o nomeamento de Juan Abal Sobral, esgotábase a cota máxima de dez conselleiros, dado que continúan o actual presidente, José Manuel Fernández, e o secretario, Luis Durán, o que deixaba sen posibilidade de postularse a calquera outro candidato presente na xunta de accionistas.
Deste modo, Ricardo Tilve, sempre acompañado por Lupe Murillo, faise na práctica co control do novo consello de administración, no que contará polo menos coa metade dos membros do seu lado.
Non obstante, esta manobra provocou unha intensa e acalorada discusión, con Tilve e Murillo máis os seus representados, por un lado, e os accionistas minoritarios e membros das Peñas, con José Antonio Millán e Alberto Argibay, polo outro, poñendo de manifesto a grave fractura que existe entre a masa social e unha parte dos accionistas maioritarios do club.
Entre eles, a postura ambigua do representante da empresa Administradores de Economía, Fernando Gómez. Curiosamente a persoa que puido intervir directamente na designación de conselleiros, pero se limitou a esperar que se completasen os nomeamentos, para logo anunciar a súa decisión de impugnar o acordo adoptado, decisión que igualmente fixo pública José Antonio Millán, en referencia á elección de Roberto Feans.
ELEVADA ASISTENCIA
A xunta ordinaria comezou cun respectuoso recordo e un minuto de silencio, a petición do presidente, por Eulogio Vázquez Pereira, José García Blanco e Manuel García Barros, tres persoas que na súa calidade de presidente, vicepresidente e xogador, forman parte da historia granate.
Importante asistencia de accionistas, cun total de 116 persoas, que representaban o 59,72% do capital social. Todos eles recibiron 106 folios de documentación, na que se contiñan as contas e informes que ían ser obxecto de debate.
Uns números anticipados por PontevedraViva, que reflicten perdas contabilizadas no exercicio pasado no referente ás actividades ordinarias, que se elevan á cantidade de 448.247,58 euros, a pesar de que a conta oficial de perdas e ganancias do exercicio reflicte un beneficio de 529.629,04 euros, consecuencia da contabilización das partidas procedentes de quita alcanzada no convenio de acredores.
Tras presentar estes números, José Manuel Fernández comentou con respecto aos resultados, que significan unha redución da débeda do club (aínda que omitiu que a devandita redución era debida ao proceso concursal), a pesar do elevado déficit xerado que "hay que felicitarse por ello. Les pido que aprueben estas cuentas porque son positivas".
Neste punto chegou a primeira intervención de Alberto Argibay, que puxo o acento no feito de levar acumulando dous anos seguidos déficit, preguntando quen era o responsable, ao que repondió Fernández indicando que "el presidente asume el área financeira", o que dado que as contas sometidas a aprobación corresponden á tempada 2012/2013, sinala directamente o anterior presidente, Mauricio Rodríguez Boullosa.
Fernando Gómez: "Nos llaman la atención algunas partidas. Quiero proponer que las cuentas no sean aprobadas"
A continuación tomaría a palabra Fernando Gómez. O representante do accionista maioritario dixo: "No hemos tenido tiempo suficiente para analizar las cuentas, pero nos llaman la atención algunas partidas. Quiero proponer que las cuentas no sean aprobadas y se proceda a la reformulación de las mismas. Solicitamos un plazo de un mes o mes y medio para celebrar una nueva junta o votaremos en contra".
A proposta de Fernando Gómez foi rexeitada, ao ser aprobadas as contas tal cual foron presentadas, co 51,75% das accións presentes votando a favor, polo 48,25% que o fixeron en contra. Logo, no apartado de rogos e preguntas, Fernando Gómez anunciaría igualmente a impugnación deste punto.
A continuación foi retirado o punto da orde do día que trataba da ampliación de capital por compensación de créditos, a favor de Nino Mirón, pola venda dos terreos de Barro.
As diverxencias comezaron a acentuarse a partir do seguinte punto, consistente na proposta de redución de capital nun 30% do seu valor actual, que fará pasar o valor de cada acción actual de 1 euro a 70 centimos. Inicialmente Fernando Gómez, Lupe Murillo, Ricardo Tilve e Juan Martínez Cortizas abstéñense, o que faría imposible sacar adiante a proposta. Mesmo Lupe Murillo propón que a redución sexa maior e chegue ata o 50%, pero a avogada asesora advirte que non sería legal, xa que tería que someterse a unha nova xunta.
Fernando Gómez insiste en pedir unha xunta extraordinaria para debater este punto. A discusión sobe de ton ata que finalmente Lupe Murillo e Ricardo Tilve cambian o seu voto, apoiando a redución proposta, que resulta así aprobada.
Tamén se aprobou unha nova ampliación de capital, para sacar ao club da causa legal de disolución na que se encontra actualmente tras os resultados da pasada tempada, por importe de 199.500 euros, cunha prima de emisión polo mesmo importe, distribuídas nun total de 285.000 accións novas ao prezo de 0,70 euros por acción.
Todo iso para entrar de cheo na polémica. En primeiro lugar, José Manuel Fernández fixo pública a decisión de Lupe Murillo de abandonar o consello, pedindo logo os asistentes se había alguén disposto a incorporarse como conselleiro.
O primeiro en facelo foi José Antonio Millán. Foi elixido co apoio do 63,94% das accións presentes, e o voto en contra de Lupe Murillo e Ricardo Tilve, xunto cos accionistas que representaban ambos os dous.
Logo postulouse Alberto Argibay. O seu nomeamento foi aprobado case por unanimidade, coa única abstención de Fernando Gómez.
Foi o momento de Ricardo Tilve. Primeiro propuxo a súa candidatura, aprobada por unanimidade, o mesmo que a de Enrique Mariño Couto, por proposta do propio Tilve, que apuntou que propoñería catro conselleiros. Logo ergueuse Juan Abal Sobral, que tamén saíu elixido de forma unánime. Seguidamente tomou de novo a palabra Ricardo Tilve para extraer un papel no que tiña apuntados os nomes dos seus candidatos. Cos dous seguintes non houbo problemas e José Pablo Galván Carballo e Manuel Ruibal Rodríguez, que non estaba presente, foron aprobados.
Quedaba só un posto vacante ata alcanzar a cifra máxima de 10. E chegou o momento de máxima tensión. Tilve pretendía nomear ao seu cuarto home (o quinto, se sumamos ao mesmo Tilve). Unha parte dos accionistas, especialmente os representantes das Peñas e minoritarios, entenderon que xa nomeara a todos.
A discusión foi acalorada e subindo de ton. Pretendeuse presentar outras candidaturas e cuestionouse o sistema de votación, por entender algúns asistentes que deberían presentarse todos os candidatos que o desexaran, e de entre eles elixir os máis votados. Pero a presidencia deu a palabra novamente a Tilve, que designou a Roberto Feans, tamén ausente, aprobado co 84,64% das accións asistentes, e co anuncio por parte de Millán de impugnar este último nomeamento.
Fernando Gómez: "Vamos a llevarlo a la vía judicial para tratar de impedir que accedan al cargo"
Fernando Gómez anunciou igualmente que impugnaría os nomeamentos de conselleiros, por entender que quen aglutina preto do 50% do conxunto de accionistas, segundo el, ten dereito a designar representantes no consello de administración.
Tilve propuxo retirar un dos nomeados por el, pero Gómez non aceptou a oferta, mentres varios accionistas presentes pediron que constase en acta a súa intención de presentarse e o feito de non llo ter permitido.
De novo interveu Fernando Gómez para dicir que "poco apoyo puede tener un consejo que no cuente con el respaldo de casi el 50% del capital. Vamos a llevarlo a la vía judicial para tratar de impedir que accedan al cargo".
Tomaría a palabra o accionista Vicente Peña para facer unha petición aos máximos accionistas: "Les pediría que pacten ya en favor del club y no en atención a sus intereses personales".
José Manuel Fernández: "Como presidente del consejo lamento este espectáculo que estamos dando. Aquí hay intereses personales"
Do ton ao que chegou o debate deixa boa proba a expresión do presidente, José Manuel Fernández, ao dicir "como presidente del consejo lamento este espectáculo que estamos dando. Aquí hay intereses personales y eso no es bueno".
Para pechar o debate, e xa no apartado de rogos e preguntas, un accionista preguntou pola inclusión no balance dos 4 trofeos "Luis Otero" que non son propiedade do club, ao que José Manuel Fernández respondeu: "Me enteré de eso por un medio de comunicación -en alusión a la información publicada por PontevedraViva-, pero tengo que decir que esos trofeos figuran en la contabilidad del club desde el año 2003, aunque ahora se han revalorizado. He hablado con algún ex-presidente del club que me ha dicho que creía que estaban en depósito o donación, pero no he podido confirmarlo, así que no tengo argumentos para sacarlos. Si se demuestra que es así habrá que rectificarlo en las nuevas cuentas".
Relacionadas:
-
Novo burato na economía do Pontevedra: 131.000 euros en perdas da pasada tempada
Por Ramiro Espiño |
-
Lupe Murillo releva a José Manuel Fernández no Consello e a Presidencia do Pontevedra
Por Redacción |
-
Acción Granate desvela a súa posición ante a formación do novo consello
Por Ramiro Espiño |
-
Ricardo Tilve: "Creo que houbo xente que ou non me entendeu ou entendeu mal"
Por Diego Espiño |
-
As contas do Pontevedra inclúen catro Trofeos Luis Otero que non pertencen ao club
Por Ramiro Espiño |
-
Perdas de 448.000 euros nas actividades ordinarias do Pontevedra na pasada tempada
Por Ramiro Espiño |