Acción Granate desvela a súa posición ante a formación do novo consello
Por Ramiro Espiño
O colectivo Acción Granate desvelou os primeiros pasos e propostas que realizará o próximo luns na primeira sesión do novo consello de administración do Pontevedra CF. Alberto Argibay e José Antonio Millán, os dous representantes do colectivo que ocuparán unha cadeira de brazos no órgano reitor do club, explicaron en rolda de prensa celebrada nas instalacións do Casino Mercantil, as propostas que formularán na citada reunión.
Millán abriu a rolda de prensa advertindo que a partir deste momento, previamente a cada reunión que celebre o consello, farán públicas as propostas que levarán a este, na súa intención de "aportar ideas desde dentro, siempre con la máxima transparencia posible", matizando tamén que o seu obxectivo é "defender una posición independiente dentro del consejo".
A continuación tomou a palabra Alberto Argibay, que foi debullando os nove puntos nos que dividiron as súas primeiras propostas, e que son os seguintes:
1) Cambios nos estatutos do Pontevedra S.A.D. demandando que no futuro para ser conselleiro sexa necesario ser accionista, cunha antigüidade mínima de 3 anos.
2) Reclamar unha auditoría exhaustiva e independente que defina o estado actual da débeda da S.A.D., así como pedir responsabilidades de por que non se incluíu no concurso de acredores a débeda coa Liga Nacional de Fútbol Profesional, por valor de 366.071 euros.
Ao respecto deste punto Argibay matizou que se aprobaran as contas para impedir que se incorrera en causa de disolución, pero que esa aprobación non implicaba que houbese puntos a aclarar axeitadamente.
3) Ampliar o período de ampliación de capital ata o 30 de xuño de 2014.
4) Definir poderes e esixir responsabilidades e obrigas á Dirección Deportiva. Analizar o balance de rendemento das últimas tres tempadas.
5) Definir áreas de traballo no consello, así como condicións e responsabilidades.
6) Asumir un pacto de estabilidade no consello e arredor do equipo, co ánimo de unir forzas para intentar o ascenso de categoría.
Alberto Argibay: "no hay enfrentamiento con ningún otro miembro del consejo, sino una forma diferente de ver las cosas"
Argibay quixo resaltar aquí que "no hay enfrentamiento con ningún otro miembro del consejo, sino una forma diferente de ver las cosas", e solicitou "que no haya división de fuerzas".
7) Esixir ao conselleiro Ricardo Tilve que faga público as condicións do proxecto que pretende levar a cabo no club e do que veu falando nos medios de comunicación.
8) Reclamar un estudo estratéxico e de viabilidade para a formación.
9) Solicitar unha asemblea extraordinaria unha vez finalizado o prazo de ampliación de capital.
Para rematar, Argibay indicou que este último punto pretende coñecer "cuál será el consejo definitivo, a partir de ese momento, porque entendemos que nosotros estamos en un proceso temporal".
Igualmente, e a preguntas dos xornalistas sobre a súa postura en caso de que haxa de procederse a elixir presidente, no caso de que o actual, José Manuel Fernández, presentase a súa renuncia, Argibay dixo: "Pretendemos que haya estabilidad en el consejo y en la presidencia, al menos hasta que se produzca el cambio como consecuencia de la ampliación de capital. Creemos que en este momento no sería bueno para el club que se produjesen más cambios".