Perdas de 448.000 euros nas actividades ordinarias do Pontevedra na pasada tempada
Por Ramiro Espiño
Convocada a xunta xeral de accionistas do Pontevedra club de fútbol para o día 18 de febreiro próximo, os asistentes van ter a posibilidade de coñecer, despois dunha larguísima e inusual espera, as contas do exercicio 2012/2013 que presentará o consello de administración, e que están a disposición de calquera accionista que desexe consultalas previamente.
E non serán unhas contas para deixar a ninguén indiferente. Recén saído dun proceso concursal que se supoñía debía garantir a viabilidade da entidade granate, en pouco máis de seis meses, os que van dende o 26 de novembro de 2012, data en que se asina o convenio de acredores que permite abandonar a situación concursal, ata o 30 de xuño de 2013, data de peche das contas anuais, o Pontevedra volve estar inmerso en causa de disolución, segundo recolle o informe do auditor que revisou as contas, e obrigado a realizar unha nova operación de redución/ampliación de capital, ou a solicitar a declaración dun segundo concurso de acredores.
Iso é consecuencia das tremendas perdas contabilizadas no exercicio pasado no referente ás actividades ordinarias, que se elevan á cantidade de 448.247,58 euros, a pesar de que a conta oficial de perdas e ganancias do exercicio poida levar aos profanos a erro, ou a algunha parte interesada a intentar confundir, ao falar dun beneficio de 529.629,04 euros.
A aparente disparidade xustifícase polo feito de que contablemente se recolle un importe de 1.131.492,87 euros no capítulo de ingresos extraordinarios, capítulo que nunha correcta contabilización debe englobar, entre outras, as partidas procedentes da quíta alcanzada no convenio de acredores, que non son un ingreso efectivo obtido polo club.
Ademais, da revisión da documentación á que tivo acceso PontevedraViva, así como do informe de auditoría que será presentado á próxima xunta xeral, chaman a atención algunhas partidas contables que supoñen un intento de incrementar o aparente resultado económico positivo do exercicio, mellorando a situación patrimonial de balance, pero non a financeira.
O club ordenou unha taxación dos seus trofeos incrementando así en 300.000 euros os ingresos do exercicio
Neste sentido o auditor fai unha salvidade no seu informe sobre o contido da Nota 7 da Memoria das Contas Anuais, nas que se indica que o Pontevedra club de fútbol "sobre a base dunha nova taxación, con data 1 de xaneiro de 2013 rexistrou no seu Inmobilizado Material unha revalorización dos 'Trofeos Deportivos' da súa propiedade que ascende a 305.780,26 euros".
Para unha maior comprensión, esta contabilización supón incrementar o activo, os bens, do club dun modo atípico. Coma se o Pontevedra tivese percibido de golpe máis de 300.000 euros polos trofeos que figuran na súa vitrina, no que se trata dun mero apuntamento contable, pero non dun ingreso real, xa que dificilmente se pode pensar na alienación e venda duns trofeos que constitúen a historia do club.
Sen ter acceso aos libros de contabilidade completos, á vista das contas presentadas todo fai indicar que eses 300.000 euros de incremento se contabilizaron dentro da partida antes aludida de "ingresos extraordinarios".
Pero non serán estas cuestións as únicas que deberán analizar con detalle os accionistas. Así por exemplo, a débeda con administracións públicas reflectida en balance elévase a 30 de xuño pasado a 783.943,04 euros, cantidade que supera en máis de 133.000 euros indicábaa polo anterior presidente, Mauricio Rodríguez, na última xunta xeral de accionistas na que enumerou as cantidades debidas tras o proceso concursal, cifrándoas aproximadamente 250.000 euros á Seguridade Social e 400.000 a Facenda.
Os gastos do exercicio pasado ascenderon a case un millón de euros
Por último, igualmente é de destacar que dun presuposto aprobado de 604.948,27 euros, cunha previsión de superávit de 17.399,14 euros, se pasou a uns gastos no exercicio de 995.569,41 euros, é dicir, un incremento de case 400.000 euros, coa particularidade de que os ingresos procedentes da actividade ordinaria (cifra de negocios máis outros ingresos de explotación) quedaron en só 393.690,58 euros, é dicir, máis de 200.000 euros por debaixo do presupostado.
Tamén no informe do auditor se alerta sobre o feito de que a 30 de xuño de 2013 o club presentaba un fondo de manobra negativo por importe de 150.006,20 euros, o que "require do consello de administración a rápida identificación e consecución de fontes adicionais de financiamento que permitan ao club alcanzar o necesario equilibrio financeiro".
Datos e cifras abafadoras que levan de novo ao club a unha situación límite. Que cada cual extraa as súas conclusións, pero lóxico sería que os accionistas esixisen explicacións claras e convincentes dunha xestión que queda retratada, dígase o que se diga, con estes números e da que o expresidente, Mauricio Rodríguez, os seus asesores e os que lle acompañaban no consello, deberían responder tamén ante a afección. En xogo está a supervivencia do Pontevedra.
Relacionadas:
-
Novo burato na economía do Pontevedra: 131.000 euros en perdas da pasada tempada
Por Ramiro Espiño |
-
Lupe abandona o consello, Argibay entra e Tilve dá un golpe de man na xunta de accionistas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
As contas do Pontevedra inclúen catro Trofeos Luis Otero que non pertencen ao club
Por Ramiro Espiño |
-
Pontevedra CF: O que non se dixo aos accionistas e afeccionados
Por Ramiro Espiño |
-
Moito ruído e poucas noces, sen cambios polo menos ata o 30 de xuño
Por Diego Espiño |
-
Mauricio Rodríguez confirma que deixa a presidencia do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |