Churre: "Se queremos quedar campións non pode escapar ningún punto de aquí"
Por Diego Espiño
Víctor Vázquez 'Churre' compareceu este mércores no Estadio Municipal de Pasarón para valorar a actualidade do Pontevedra Club de Fútbol a poucos días de recibir no Estadio Municipal de Pasarón o Marino de Luanco (domingo 24, 17.00 horas).
O defensor, un dos capitáns do plantel granate, asegurou estar "con moitas ganas" de volver ao equipo tras cumprir un partido de sanción, e incidiu na importancia de vencer nos catro encontros que restan por xogar na casa.
"En Pasarón quedan catro partidos, se queremos quedar campións non se pode escapar ningún punto de aquí", defendeu Churre.
O marinense pediu ademais un esforzo á afección pontevedresa porque "creo que é clave a xente que vén a Pasarón e que estea a empuxar". De feito "hai dous anos viviuse cando ascendemos, que nos últimos partidos en Pasarón había un ambientazo e ao final moitas veces se gañabas era grazas a eles, ese empuxe e ese plus máis que te dá e que ao rival o encolle un pouquiño. Pediríalles que viñesen, que nos empuxasen", incide.
Todo iso empezando por un Marino de Luanco que loita por evitar o descenso pero que é o terceiro equipo menos goleado do grupo. "Sabemos contra o equipo que xogamos, teñen xente moi veterana na categoría, que levan moitos partidos nas pernas e saben do que vai o fútbol, non vai ser nada sinxelo", prognostica Churre afirmando que "os números que teñen en contra falan moi ben do seu traballo como equipo, no seu conxunto, e imos a precisar ter os cinco sentidos postos sobre o verde para gañar".
O Pontevedra buscará ademais cortar a serie de goles en contra das últimas xornadas, a excepción do encontro contra o Avilés. En todo caso "está a custarnos manter a portería a cero pero creo que non é preocupante" porque "o equipo segue coa súa idea", afirma o central defendendo o estilo que lles levou ao liderado.
Relacionadas:
-
Moitas ocasións e poucos goles ante o Marino dun Pontevedra que xa é líder en solitario (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra prepárase para recibir un Marino de Luanco "difícil de bater"
Por Diego Espiño |
-
Marcos Barbeiro, baixa ante o Marino ao ser convocado pola selección de Santo Tomé e Príncipe
Por Diego Espiño |
-
Agarrados aos goles de Charly López
Por Diego Espiño |
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra ante o Rayo Cantabria (2-2)
Por Almu Dapena |