Convocados os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo
Por Redacción
O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2024, e que contarán cunha dotación económica de 1.500 euros para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.
As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu .
Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira. O certame celebra este ano a vixésimo sétima edición na categoría de poesía e a vixésimo primeira na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Manuel López Rodríguez co poemario 831-Urb (que se publicará o vindeiro ano da man da editorial Xerais) e o xornalista Héctor Pena coa reportaxe “Historia inacabada do deporte galego” publicada no xornal Nós Diario.
O certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, entre outras; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde...
Relacionadas:
-
Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez Díaz, novos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
Abertas as inscricións para participar nun orixinal recitado de versos a dúas voces
Por Redacción |
-
Chega o "Outono Cultural" a Caldas de Reis cunha variada axenda
Por Redacción |
-
Preto de 80 traballos optan neste 2023 aos Premios Provinciais á Xuventude que promove a Deputación
Por Redacción |
-
O CSIC convoca o concurso de debuxo "Os cereais", con premio especial para escolares de Pontevedra, Marín e Poio
Por Redacción |
-
Un día para facer visible o traballo "sen focos" que converte A Lama no cárcere español con máis recoñecementos en 2023
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |