O director holandés Joris Ivens, pioneiro do cinema documental, protagonista do CadernoFICBUEU#4

Por Redacción
O director holandés Joris Ivens, lenda do cinema documental con conciencia social, foi o centro do CadernoFICBUEU#4 presentado este sábado dentro do Festival Internacional de Cinema de Bueu.
O público do FICBUEU poderá gozar o domingo a partir das 18:00 horas da proxección de catro curtametraxes documentais do director no Centro Social do Mar de Bueu. A sesión é de balde previa reserva de entrada na web do festival ou no despacho de billetes do centro social.
A publicación, obra de Severiano Casalderrey, que tamén é o programador do festival, forma parte da serie de monografías editadas polo FICBUEU que acompañan á 'Sección Retrospectiva' do certame.
Con estes cadernos, o festival busca achegar ao público a obra de importantes cineastas e o contexto histórico na que desenvolveron o seu traballo e contribuír a incrementar a historiografía do formato da curtametraxe, habitualmente excluído das salas de cinema e dos circuítos de distribución.
O volume número catro, baixo o título 'A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898-1989)', afonda en catro capítulos distintos as facetas poética, de activismo social, viaxeira e de cronista de guerra do realizador holandés.
Ivens foi un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos e cunha extensa filmografía que abarca máis de medio centenar de curtas filmadas nunha vintena de países.
Durante a presentación, Severiano Casalderrey repasou os contidos da monografía e explicou a importancia da curtametraxe na obra de Ivens, facendo fincapé nos filmes que se amosarán o domingo: 'Regen', sobre a chuvia en Ámsterdam; 'Borinage', sobre as folgas mineiras en Bélxica; 'Indonesia Calling', co foco na independencia do país asiático cando aínda era colonia holandesa; e 'Le ciel, la terre (O ceo, a terra)', na que aborda a Guerra do Vietnam.
Casalderrey explicou que "Ivens foi catro cineastas nun só. Foi historia cinematográfica do século XX. Fixo curtas dos acontecementos máis importantes e coñecidos do século pasado. Por iso merecía este libro e, ademais, non hai outro coma este nin en galego nin en castelán".
No acto tamén participou Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, quen dixo sobre o libro de Ivens que "se trata dun caderno verdadeiramente singular, fundamental, unha publicación de prestixio para Galicia, o resto de España e o mundo que parte do FICBUEU".
O caderno sobre Joris Ivens está á venda por 10 euros no sitio web do festival e tamén pode mercarse estes días no carriño de produtos FICBUEU ubicado xunto ao Centro Social do Mar.
A xornada do domingo rematará ás 20.30 horas coa proxección do Palmarés 2023, con todas as curtas gañadoras nesta edición do FICBUEU.
Relacionadas:
-
O meañés Eloy Domínguez presenta 'Al otro lado del mar' na sección galega do London Spanish Film Festival
Por Redacción |
-
A estadounidense "Endless Sea", unha historia de loita contra o sistema sanitario, triunfa no FICBUEU
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- O FICBUEU xa ten un programador membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España
Por Marisa Ciordia |
-
Catro cineastas illaranse en outubro en Ons para desenvolver os seus proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
FICBUEU inicia este luns a 'Sección Oficial' con curtas relevantes nos Oscar, Berlín, Venecia e Cannes
Por Redacción |
-
A nova xeración do cinema galego, presente este domingo no FICBUEU
Por Redacción |
-
'20.000 especies de abellas', película candidata a representar a España nos Oscar chega ao FICBUEU
Por Redacción |
-
FICBUEU comeza este venres coa vangarda audiovisual internacional e reforzando o compromiso social
Por Redacción |
-
Cine e ludoteca, un plan perfecto co que o FICBueu favorece a conciliación
Por Redacción |