A estadounidense "Endless Sea", unha historia de loita contra o sistema sanitario, triunfa no FICBUEU
Por Alejandro Espiño
Endless Sea, do director estadounidense Sam Shainberg, foi a curtametraxe gañadora da sección oficial da décimo sexta edición do FICBUEU, o Festival Internacional de Cine de Bueu. Así se deu a coñecer onte á noite nun acto celebrado no Centro Social do Mar.
O xurado premiou este traballo, entre as 28 curtas a concurso, "pola súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro". O primeiro premio do festival está dotado con 2.000 euros.
A película conta a apaixoante historia de supervivencia de Carol, unha muller de 70 anos que loita contra o sistema cando non pode mercar a súa medicación para o corazón.
O segundo premio foi para Ma mére et moi, da realizadora holandesa Emma Branderhorst, por "captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir", segundo o xurado.
Ademais, o xurado tamén realizou unha mención especial á cinta Will my parents come to see me, do realizador somalí Mo Harawe, "unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte".
PREMIO DO PÚBLICO
O Premio do Público, outorgado co seu voto polos espectadores do FICBUEU, recaeu na película canadense Invincible, de Vincent René-Lortie, a historia das últimas 48 horas de vida dun mozo de 14 anos recluido nun centro de menores e cunha urxente necesidade de liberdade.
O palmarés oficial do festival completouse con dous filmes máis.
Un é Ulises, obra de Félix Brixel, realizador de Rianxo, que acadou o premio á mellor curtametraxe galega pola súa "historia enigmática e intrigante sobre o amor fraternal» e polos «impactantes efectos visuais" que a complementan.
A outra película premiada foi Arquitectura emocional 1959, do director cántabro León Siminiani, que levou o premio á mellor curta española. O xurado destacou dela "a súa orixinalidade lúdica, que mestura pasado e presente, amor e política, a través do cinema e a arquitectura".
Neste acto tamén se entregou o galardón honorífico do certame, o Premio Cinema Galego FICBUEU, que foi este ano para a actriz coruñesa Luísa Merelas, intérprete de series tan coñecidas como Pratos Combinados e Fariña ou películas como Los lunes al sol ou As bestas.
PREMIOS PARA OS NOVOS CINEASTAS
A curta 30’ 70 60’ 120, da directora viguesa Marta Valverde, gañou o galardón da sección GZ_00, creada para amosar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia; mentres que na sección Descubertas a vencedora foi Buurman Abdi, do holandés Douwe Dijkstra.
Por último, en Escolas Internacionais, espazo que amosa os traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, o premio foi para a película italiana Raíces, do Centro Sperimentale di Cinematografia, dirixida por Sara Moschini, Maddalena Brozzi e Laura Cagnoni.
Todas as curtametraxes do palmarés do FICBUEU 2023 poderán verse xuntas este domingo nun pase especial que terá lugar, a partir das 20.30 horas, no auditorio do Centro Social do Mar.
Relacionadas:
-
A residencia artística do FICBueu busca os catro 'inquilinos' para a súa segunda edición
Por Redacción |
-
O FICBUEU trae a Galicia por primeira vez o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam
Por Redacción |
-
Isabel Peña, guionista de 'As Bestas', xa titoriza a formación de catro cineastas na Illa de Ons
Por Redacción |
-
O meañés Eloy Domínguez presenta 'Al otro lado del mar' na sección galega do London Spanish Film Festival
Por Redacción |
-
O director holandés Joris Ivens, pioneiro do cinema documental, protagonista do CadernoFICBUEU#4
Por Redacción |
-
RADIO.- O FICBUEU xa ten un programador membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España
Por Marisa Ciordia |
-
Catro cineastas illaranse en outubro en Ons para desenvolver os seus proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
FICBUEU inicia este luns a 'Sección Oficial' con curtas relevantes nos Oscar, Berlín, Venecia e Cannes
Por Redacción |