Poio terá a súa propia danza branca e a súa contradanza
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio terá a súa danza branca e tamén a súa contradanza. Ese é o obxectivo que se marcou a asociación Máis Cantos auspiciada polo Concello que busca que no municipio naza unha nova tradición. Así o anunciou este xoves o alcalde de Poio, Ángel Moldes na que foi a súa primeira rolda de prensa na que compareceu acompañado do responsable de Máis Cantos, Nelson Quinteiro e un unha vintena de integrantes desta agrupación musical.
As danzas brancas ou gremiais son bailes vencellados aos oficios relixiosos que se remontan aos séculos XVI e XVII. En Galicia consérvanse, a día de hoxe, trinta e tres danzas brancas diferentes que se seguen representando ano tras ano nas numerosas festas e romarías de distintas localidades galegas como ocorre co Baile das Penlas en Redondela, a Danza Celta de Anceu (Ponte Caldelas), a Farsa das Espadas de Carril, ou a Danza das Espadas de Marín. Mentres que a contradanza é un baile composto por filas de parellas.
No caso de Poio esta Danza e Contradanza branca serán en honra a San Xoán e ao son das gaitas e o tamboril que interpretarán a Muiñeira de Poio e a Foliada de Campelo. Os danzantes vestirán principalmente de cor branca podendo lucir tamén coloridos adornos.
Os pasos desta Danza e Contradanza de Poio foron creados por Iván Villar, Ariadna Vázquez e Ricardo Fernández Louro, tres prestixiosos bailaríns, coreógrafos e profesores de danza.
Eles presentarán esta danza para que en próximas ocasións sexan os veciños quen se anime a bailala.
Ademais os compoñentes de Máis Cantos animarán o pregón coa súa música e cun pasacalles, charanga e cantos de taberna.
Relacionadas:
-
O San Xoán de Poio silenciará durante unha hora as atraccións de feira para adaptalas ás persoas con autismo
Por Oskar Viéitez |
-
A capital recibe 142 comunicacións de fogueiras na noite de San Xoán
Por Oskar Viéitez |
-
"Agora mesmo a maioría das partidas do orzamento están esgotadas", desvela o alcalde de Poio Ángel Moldes
Por Oskar Viéitez |
-
Cacharelas, sardiñas e verbenas para celebrar o San Xoán en Poio
Por Redacción |