Luz Casal recibirá en Pontevedra o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música

Por Redacción
A música galega renderá homenaxe en Pontevedra a unha das súas voces máis recoñecidas. Luz Casal recibirá este ano o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música, que celebrarán a súa décima edición o próximo 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A organización quere así recoñecer unha traxectoria artística de máis de corenta anos na música e a "riqueza, delicadeza e inconformismo" de Luz Casal como intérprete e compositora.
Vinte discos avalan a carreira musical desta artista, nacida en Boimorto (A Coruña) en 1958. Tiña 24 anos cando viu a luz o primeiro deles. O seu despegue como referencia do rock nacional produciuse a finais da década dos 80 e o seu disco Luz V foi todo un fito.
Temas como Loca, Te dejé marchar e No me importa nada marcaron o seu futuro musical, converténdoa nunha solista moi popular, cun público masivo e un recoñecemento unánime.
A súa repercusión aumentou aínda máis tras traballar con Almodóvar na película Tacones lejanos, na que interpretou un bolero de Agustín Lara, Piensa en mi, e a adaptación dunha canción de Mina, Un año de amor, que lle abriron as portas ao mercado internacional.
Ademais desta faceta musical, Luz Casal é a impulsora do Festival da Luz, que desde 2012 organiza na súa vila natal, pensado para a diversidade de manifestacións musicais, prendendo o foco en iniciativas locais e con carácter benéfico.
Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan non só o seu éxito en relación ao público que a segue desde hai décadas senón tamén "unha maneira de construír a súa carreira que é un paradigma para a comunidade artística".
Luz Casal está vivindo un ano pleno para a súa carreira, cunha xira de concertos esgotados en España e Francia, e con novo disco Las ventanas de mi alma.
Relacionadas:
-
A décima edición dos Premios Martín Códax da Música reivindica en Pontevedra o talento galego
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A décima edición dos Premios Martín Códax da Música xa ten finalistas
Por Redacción |
-
Dez anos de vida para uns Premios Martín Códax da Música que volverán entregarse en xuño
Por Alejandro Espiño |