A décima edición dos Premios Martín Códax da Música reivindica en Pontevedra o talento galego
Por Redacción & Mónica Patxot
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores a festa das músicas e músicos de Galicia, coa entrega dos Premios Martín Códax da Música que na súa décima edición expuxéronse cun punto de cohesión entre artistas.
Os Martín Códax recoñeceron nesta ocasión co premio honorífico a Luz Casal e na categoría de Artista Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel.
Ademais nas quince categorías artísticas subiron a recoller premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband.
Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais.
A gala celebrada no Pazo da Cultura estivo dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, inspirouse no mundo do viño e púidose seguir a través da web dos premios.
Tras a entrega dos diferentes recoñecementos chegou o máis esperado da noite, o honorífico reservado á cantante Luz Casal, que subiu ao escenario para recollelo como colofón á xornada.
Recibiuno de man de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Adegas Martín Códax recoñecendo ambos os dous "a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora" que caracterizan a traxectoria da artista nada en Boimorto.
A parte reivindicativa dos premios púxoa a xunta directiva de Músicas ao Vivo animando aos músicos do país para loitar de maneira colectiva pola dignificación e profesionalización da súa actividade.