Aprendendo a 'crear Rosalías' paso a paso con Uxía Senlle e Najla Shami
Por Redacción
Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle e a ilustradora Marina Seoane; e Na lingua que eu falo, de Najla Shami e a fotógrafa Ainoa Calvo. Son dous libro-discos nos que a poesía de Rosalía de Castro se fusiona coa música e as artes plásticas. Ambos foron os protagonistas do coloquio Creando Rosalías, unha das actividades integradas na programación do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré.
Nel, as súas autoras trataron de mirar cara atrás e afondar, a través das súas vivencias, no nacemento e nas diferentes fases do proceso de xestación de dúas obras nas que conflúen diferentes disciplinas artísticas. Ademais de supoñer unha revisión sonora do legado da poetisa, as dúas obras sobre as que xirou esta actividade tamén teñen en común o seu formato multidisciplinar, que leva á interacción entre diferentes creadoras.
"Foi un traballo que concibimos conxuntamente, entre as dúas fomos facendo que o libro fose collendo consistencia. De feito, as ilustracións suxeríanme un determinado ambiente musical", explicou Uxía, que tratou de levar os versos da poetisa a un público infantil. Por iso, o primeiro paso do proceso creativo foi "imaxinar como sería Rosalía de nena", para a partires de aí compoñer cos seus versos unha serie de cancións alegres e sinxelas.
Na consecución deste obxectivo xogou tamén un papel clave a ilustradora Marina Seoane, que ideou a súa versión dunha Rosalía cativa, a que converteu na protagonista principal da parte gráfica da obra. "Na ilustración dun libro, o máis importante é sempre ter o personaxe principal", salientou Seoane, quen centrou a súa intervención en amosar aos asistentes os diferentes pasos do seu traballo creativo, desde os bocexos a bolígrafo á posterior composición de cada páxina no ordenador.
Tamén abordou os diferentes pasos da composición gráfica de Na lingua na que eu falo a fotógrafa Ainoa Calvo, a responsable de dotar de corpo gráfico ao que é o primeiro disco da cantante Najla Shami. Unha gravación que desde a editorial Galaxia propuxeron a esta artista a raíz dun concerto seu na propia casa natal de Rosalía en Padrón.
"A verdade é que sentín algo de vertixe, sénteste moi pequena á hora de debullar a obra dunha poetisa tan grande", recoñeceu Shami, quen explicou que tentou fundamentar o traballo de musicar e adaptar os poemas na forma de escribir da autora de Follas Novas.