Xosé Manuel Budiño ofrece unha clase de gaita para que os escolares se adentren na música tradicional
Por Redacción
Os estudantes foron os primeiros protagonistas da edición deste ano do Festival Internacional de Lusofonía 'Cantos na maré'. Durante a mañá deste xoves, alumnos das escolas de Imaxe e Son de Galicia puideron comprobar os medios tecnicos e as necesidades que se precisan á hora de montar un espectáculo musical. Os mozos percorreron o auditorio do Pazo da Cultura atendendo ás explicacións sobre a mesa de son ou as conexións dos instrumentos durante o ensaio realizado polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño.
A continuación, o músico de Moaña foi o encargado de explicar a un grupo de 75 escolares dos colexios Álvarez Limeses e Lourido as distintas partes da gaita e os distintos modelos deste instrumento que se poden encontrar en Europa. Budiño ofreceu unha charla sobre as múltiples emocións que poden expresarse a través da música. O gaiteiro preguntou: "Cantos sabedes tocar a flauta? E a pandeireta? e bailar? quen sabe bailar?" e os nenos levantaban a man a cada pregunta para romper despois nun aplauso cando Budiño interpretaba algún son coa gaita.
O propio Xosé Manuel Budiño sinalou a PontevedraViva que "son clases que non suelo facelas pero tamén che axudan a poñer os pés no chan e redescubrir de que forma eu descubrín a música tradicional que foi indo a un concerto cando tiña sete, oito, nove ou dez anos". E engadía que "é un bo momento para que vexan que hai máis opcións do que absorben os nenos e así ven outras opcións e que se empapen doutras músicas que, posiblemente, non están acostumados a escoitar". O músico despedíase dos escolares con 'Aires de Pontevedra'.
Este sábado a partir das 21.00 horas, o gaiteiro subirá ao escenario con Amancio Prada, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, baixo a dirección artística de Uxía Senlle e musical de Paulo Borges.
Relacionadas:
-
Xosé Manuel Budiño debuta en Cantos na Maré: "No concerto haberá sorpresas e vai ser algo moi chulo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Aprendendo a 'crear Rosalías' paso a paso con Uxía Senlle e Najla Shami
Por Redacción |
-
Amancio Prada, Budiño, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, no Cantos na Maré "máis intimista e poético"
Por Alejandro Espiño |