Amancio Prada, Budiño, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, no Cantos na Maré "máis intimista e poético"
Por Alejandro Espiño
O Cantos na Maré "máis intimista e poético" da súa historia. ÿ o que ofrecerá, segundo explicou a súa directora artística Uxía, o XI Festival Internacional da Lusofonía, que se celebrará o próximo 11 de xaneiro no Pazo da Cultura. Cinco artistas chegados de Galicia, Castela e León, Portugal, Cabo Verde e Brasil, que musicaron os seus poetas de referencia, reuniranse nun festival que, como peche ao ano rosaliano, estará moi marcado pola fusión entre música e poesía.
As composicións da propia Rosalía de Castro, xunto coa doutros autores como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Fernando Pessoa, Joao da Cunha Vargas ou Vasco Martins, converteranse en música a través dunhas versións únicas e irrepetibles. Trátase, dixo Uxía, "de reinterpretar estes poemas á luz dos problemas de hoxe", ofrecendo unha "gran festa" na que os invitados "cantarán aos seus poetas de referencia e as súas propias cancións".
Neste espírito lírico de Cantos na Maré "encaixa perfectamente", segundo os seus responsables, o cantautor Amancio Prada, "unha figura excepcional". El foi, sinalou a directora musical do certame, "que nos descubriu o esplendor da nosa poeta (Rosalía de Castro) a través de cancións que fan parte de nós, que nos seguen a emocionar e nos ensinaron que a música segue a ser un dos mellores vehículos para gozar da mellor poesía".
De Río Grande do Sul (Brasil) chegará Vítor Ramil, un gran creador que visita por primeira vez a terra dos seus antepasados "e que ten na súa biblioteca un exemplar de Cantares Gallegos, que garda como ouro en pano". Traeranos todo o sabor dunha música que ten milonga e unha tradición que entronca coa Arxentina e Uruguai, de harmonías abertas, melodías hipnóticas e letras cheas de poesía impresionista. "Unha auténtica delicatessen", destacou Uxía.
A mestizaxe aportarao desde Portugal Luiz Caracol, que no seu primeiro disco en solitario mestura a poesía de Mia Couto e Pessoa, o sabor afro-luso con aromas de Brasil e da cidade que lle inspira: Lisboa. De raíces angoleñas, "ten na pel e na voz rasgada a pegada de quen andou moitos camiños", sinalou Uxía, quen afirmou que "souben que algunha vez pisaría ou escenario do Pazo da Cultura por representar tan ben coma poucos o espírito do noso festival".
Tras conquistar os escenarios de Europa, Estados Unidos e Canadá, a caboverdiana Gabriela Mendes devolverá a Cantos na Maré "o gusto pola música cadenciosa e sedutora" do país africano. As súas cancións beben dos sentimentos e da vida cotiá do seu pobo. A 'soidade', tristeza e nostalxia, xunto coa mestura perfecta de alegría e baile, sorprenderán aos espectadores, "que se deixarán embalar pola súa voz suave e doce".
Galicia estará representada "de forma moi especial", segundo a directora do festival. Será con Xosé Manuel Budiño, "un músico extraordinario, gaiteiro, frautista, compositor, buscador incansable de melodías, de mesturas musicais que van do tradicional ao electrónico". Uxía destacou o seu labor de difusión do noso 'sotaque', os nosos ritmos e a nosa poesía na voz profunda de Luís Tosar, "que nos emociona recitando a Celso Emilio Ferreiro no seu último disco".
Budiño, presente na presentación de Cantos na Maré, explicou a vinculación que lle une cun festival que lle permitiu desde a súa primeira edición, "coñecer a todos os músicos que eu admiraba". Con respecto á súa actuación, afirmou que "non sei exactamente o que farei", pero avanzou que me apetece facer de todo", ata bailar e cantar, algo ao que habitualmente non se atreve. "Farei todo o que teña que facer para que o espectáculo sexa agradable".
ACTIVIDADES PARALELAS
Ademais destas actuacións de todos estes artistas que, como vén sendo habitual, colaborarán sobre o escenario de Cantos na Maré baixo a dirección musical de Paulo Borges, os seus organizadores prepararon unha serie de actividades paralelas organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano, como a Universidade de Vigo. Todas elas serán de acceso libre e gratuito ata completar aforo.
- Xoves 9 de xaneiro, Pazo da Cultura (10.00 horas): Tecnolab. Durante os ensaios do concerto desta edición desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias. Trátase dunha actividade está dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia.
- Xoves 9 de xaneiro, Pazo da Cultura (12.00 horas): Os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos invitados a Cantos na Maré: Xosé Manuel Budiño. Unha experiencia vibrante onde poderán coñecer algúns instrumentos, as diferentes sonoridades que poden conseguir con eles, as emocións que poden expresarse a través da música, a linguaxe máis universal, onde poderán sentir o ritmo e expresalo a través do movemento corporal.
- Xoves 9 de xaneiro, Casa das Campás (20.00 horas): 'Creando Rosalías'. Rosalía de Castro estará presente nunha charla que quere afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco Rosalía pequeniña de Uxía Senlle e o libro-disco Na lingua que eu falo de Najla Shami.
- Venres 10 de xaneiro, Casa das Campás (20.00 horas): Charla musicada con Amancio Prada en torno á figura de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Os asistentes a este encontro terán a oportunidade de gozar dun momento íntimo con este artista ao que tanto lle inspiraron os textos destes dous grandes poetas.
Con toda esta programación, Cantos na Maré busca, sinalou Uxía, "un encontro de xeografía humana, non só un festival de música". Unha convivencia de varios días que favorecerá que artistas de todos os países lusófonos "descubran que aquí naceu a súa lingua e recoñezan a Galicia como parte deses territorios e a nosa poeta Rosalía como súa".
Relacionadas:
-
Cantos na Maré marabilla o público pontevedrés coa súa aposta por unha edición máis íntima e lírica
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Xosé Manuel Budiño debuta en Cantos na Maré: "No concerto haberá sorpresas e vai ser algo moi chulo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Aprendendo a 'crear Rosalías' paso a paso con Uxía Senlle e Najla Shami
Por Redacción |
-
Xosé Manuel Budiño ofrece unha clase de gaita para que os escolares se adentren na música tradicional
Por Redacción |
-
Cantos na Maré volve a Pontevedra cunha edición en torno a poesía para despedir o ano rosaliano
Por Redacción |