Máis dunha vintena de títulos científicos preceden á primeira novela que asina Marisa Castro Cerceda, investigadora, bióloga e micóloga quen durante a década dos oitenta foi vicepresidenta da Sociedade Galega de Historia Natural. A finais do pasado ano publicou a primeira edición de 'A saga das curandeiras', catro meses despois leva varias edicións máis e ven de presentala en Pontevedra.
Como o nome do libro indica, fala dunha actividade que é inherente á etnografía galega, as curandeiras, as menciñeiras, as compoñedoras (mulleres ou homes). Ten como protagonista a Rosalía Carcedo, unha curandeira ficticia construída sobre unha realidade familiar, durante as primeiras décadas do século pasado. "Eu vivín entre curandeiros. O meu avó paterno era un prestixioso curandeiro en Lugo. Tiña plantas para curar feridas, desinfectarlas; daquela iso coñecino polo meu pai, que seguiu a súa liña e exerceu ata que morreu. E isto mantívome sempre con moita admiración cara a eles", explica.
A ser menciñeira apréndese de quen precede, pero fai falta "ter ese don que che axuda e permíteche facer certas cousas que outros non fan". Esta máxima que en Galicia non necesita explicación, pode estar cargada de excepticismo: "é curioso, pode custar entender isto pero non custa crer en Deus que tampouco o ven. Isto é algo que se ve, podes entendela ou non, pero aceptala ou non... é que está aí, non é discutible", di no podcast 'Cara a cara'.
Adoita dicirse que esta actividade está a desaparecer, pero Marisa Castro, con motivo do percorrido que está a facer por Galicia presentando esta novela está a percibir outra situación: "unha das cousas que estou a ver é que aínda que estas persoas de antes quedan poucas, os netos están a chegar pola fisioterapia, a osteopatía, a psicoloxía... e están a aproveitar ese don, esas capacidades, todo o que lles ensinaron, para formarse e continuar de forma máis rigorosa, máis científica".
Aproveitamos a presenza desta reputada bióloga para falar do uso indiscriminado da medicina natural: "coidado co que se toma, coas doses e máis se somos persoas que estamos medicadas" e outra cousa, "cando algo serve para todo é que se cadra non serve para nada. Non hai nada máxico e que sexa bo para todo". Podes escoitar o pocast na ligazón adxunta e descargalo na web de PontevedraViva Radio.