A aplicación 'Impactour', unha ferramenta para impulsar o Museo de Pontevedra como destino Cultural
Por Redacción
O Museo de Pontevedra impulsarase a partir do próximo mes de xaneiro como destino cultural usando a aplicación 'Impactour', desenvolta desde xaneiro de 2020 dentro dun proxecto financiado con fondos do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea.
A localidade francesa de Touluse acolleu estes días, con presenza do museo pontevedrés, a xornada anual de avaliación e seguimento do proxecto, presentándose a 12 entidades promotoras e 22 sitios piloto de 11 países de Europa un prototipo avanzado da ferramenta.
"A aplicación definitiva lanzarase no mes de xaneiro e será de grande utilidade para o Museo, xa que nos axudará a establecer estratexias de mellora e permitiranos compararnos cos outros sitios europeos que participan non proxecto", explica a responsable da área de Público do Museo, Paula Tilve.
Grazas a esta aplicación, sinalan, o Museo de Pontevedra poderá aplicar unha metodoloxía avanzada combinando algoritmos de análises de datos con enfoques de aprendizaxe automática e intelixencia artificial, coa finalidade de conseguir mellorar as políticas e accións en turismo cultural.
O Museo participa neste proxecto baixo a coordinación de Cultur Viaxes, axencia da Fundación Santa María la Real. O Románico palentino e o Camiño de Santiago son os outros sitios piloto españois participantes.
Relacionadas:
-
O Nadal chega ao Museo de Pontevedra cargado de música, clowns, obradoiros e visitas guiadas
Por Redacción |
-
Seis iniciativas privadas planean construír cabanas de madeira para uso turístico en Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo de Pontevedra súmase como entidade piloto de análise a un proxecto europeo sobre turismo cultural
Por Redacción |