O Nadal chega ao Museo de Pontevedra cargado de música, clowns, obradoiros e visitas guiadas
Por Redacción
O Museo de Pontevedra organiza a partir desta semana unha completa programación de Nadal con actividades dirixidas a todos os públicos.
A programación iniciarase o venres ás sete da tarde co concerto de Val Sax Cuartet, un cuarteto de saxofóns saído do Centro Superior de Música de Galicia. Adrián Pais, Sara Magariños, Pablo Castaño e Sergio Piñeiro interpretarán música de cámara francesa dos séculos XIX e XX: obras de Eugène Bozza, Alfred Desenclos, Alfred Reinhart e Claude Debussy.
A programación de concertos continuará o próximo martes 20 de decembro ás 19 horas coa gala de nadal do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, con actuacións a cargo do alumnado deste centro formativo da cidade.
O martes 27 ás 19 horas a música e o circo mesturaranse en 'Divertimento!', un espectáculo que achega as obras de Mozart ao público familiar a través do humor, a cargo de Cuarteto Alicerce e Alfredo Pérez. Á musica de Jorge Montes (violín), Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (cello), únense as acrobacias, a danza e o teatro xestual do artista de clown Alfredo Pérez, para encher de emoción, xogo, diversión e tenrura as melodías do famoso compositor austríaco.
O último dos concertos do programa de nadal será o de Trilitrate o martes 3 de xaneiro. O trío de Vigo formado por Elena Vázquez ao violín, Marcos Padrón ao acordeón e Rubén Abad á guitarra e a voz, visita xeografías musicais distantes como a africana ou otomá e traspasan a experiencia barroca e impresionista do século XXI na procura de novas sonoridades. Trátase dunha proposta orixinal que desdebuxa as liñas existentes entre a música tradicional, e o clásico, a música étnica, a contemporánea, o jazz ou o hardcore; entre outras. O espectáculo conta con animacións e videocreacións en tempo real, nas que se incluirán as pezas feitas por nenos nun obradoiro que se celebrará no Museo esa mesma tarde.
OBRADOIROS INFANTÍS
O equipo educativo do Museo ofrece os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 11:30 a 13 horas catro obradoiros titulados 'Io, Saturnalia: os mellores días', nos que os nenos participantes de 6 a 10 anos traballarán arredor da festa das Saturnais, celebración romana que tiña lugar no mes de decembro. A actividade conta con 15 prazas dispoñibles cada día.
O 3 de xaneiro ás 17 horas celebrarase un obradoiro de 'collages' translúcidos a cargo da artista visual Motnse Piñeiro. As creacións resultantes formarán parte do concerto de Trilitrate que se celebrará ese mesmo día ás 19 horas. Este obradoiro conta con 12 prazas para nenos a partir de 8 anos, que deberán asistir en compañía dunha persoa adulta.
A inscrición aos obradoiros ábrese o 19 de decembro e pode realizarse a través do correo reservas.museo@depo.gal, indicando nome e apelidos do menor, idade e teléfono de contacto. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.
VISITAS GUIADAS ÁS EXPOSICIÓNS
Durante este Nadal o Museo ten abertas dúas exposicións no Edificio Castelao. 'Silverio Rivas. Eloxio do silencio', ata o 2 de febreiro, repasa a traxectoria dun dos artistas clave da escultura galega contemporánea con pezas destacadas de todas as súas etapas. A exposición conta con visitas guiadas todos os sábados ás 12 horas.
A mostra 'Sombras atlánticas. Retratos da arte galega', visitable ata o 15 de xaneiro, reúne unha serie de fotografías de artistas actuais tomadas por Anxo Cabada. O propio fotógrafo realizará visitas guiadas á mostra os xoves 22 e 29 de xaneiro ás 18 horas. Os demais xoves ofreceranse a esa mesma hora claves para a interpretación da exposición.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- 30 segundos para repasar a actividade do Museo de Pontevedra en 2022
Por Redacción |
-
Os Chichisos invitan a participar nos Cantos de Reis
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra acolle a presentación do último poemario de Carmen Castejón
Por Redacción |
-
A aplicación 'Impactour', unha ferramenta para impulsar o Museo de Pontevedra como destino Cultural
Por Redacción |
-
Dobre xornada de debate no Museo de Pontevedra sobre a importancia da conservación preventiva
Por Redacción |