Os Chichisos invitan a participar nos Cantos de Reis
Por Redacción
A tradición de cantar polas casas durante as festas de Nadal regresa nestas datas a Pontevedra grazas á agrupación Os Chichisos, que retoma os Cantos de Reis, con acompañamento de instrumentos como a gaita, pandeireta, bombo ou tamboril.
Esta actividade practicábase con cantos de pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ao longo dos séculos. A cambio destas actuacións, a mocidade participante solicitaba o aguinaldo, que consistía xeralmente en viño, chourizos e doces, que consumían todos xuntos nunha festa o nunha tradicional foliada.
Nestas festas de Nadal cantábanse "panxoliñas" ou "nadais" mentres que en Fin de Ano chegaba a quenda de "xaneiras", "manueis" ou "aninovos"; mentres que na véspera de Reis se interpretaban os "cantares de reis" ou "aguinaldos". Nos Cantos de Reis a temática xiraba arredor da visita e adoración das súas maxestades de Oriente a Cristo; a fuxida da Sagrada Familia a Exipto; o viaxe de Nazaret a Belén de José e de María, entre outros. A maioría destes cantos relataban unha viaxe e o camiño representaba a busca dunha nova vida.
Estes temas comezaban cunhas estrofas de presentación dos "reiseiros" nas que se pedía permiso para cantar na casa dos que visitaban. Despois viña o relato ou o canto de Reis que, normalmente, finalizaba cunha estrofa de loubanza aos da casa onde cantaban en caso de lograr o aguinaldo ou de forma ferinte, en caso contrario, segundo expoñen Os Chichisos. Por último, interpretábase unha xota ou unha muiñeira e convidaban os da casa a danzar.
Estes cantos son melodías longas e lentas; cantados case sen respirar; con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais das estrofas cos inicios. Moitos deles están relacionados con cantos gregorianos e cantares relixiosos propios dos séculos XV e XVI, transformados pola poboación. Moitos contan con letras en castelán ou en castrapo, coa orixe en textos bíblicos ou eucarísticos.
Os Chichisos anima a todas aquelas persoas mozas que queiran participar desta actividade a que se acheguen aos ensaios durante os días 27, 28 e 29 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Casa do Pobo de Bértola, en Vilaboa, ás 20.00 horas.
A actuación, incluída dentro do Programa de Nadal do Concello de Pontevedra, vai levarse a cabo o 4 de xaneiro, entre as 17.30 e as 20.00 horas polas prazas e rúas de Pontevedra, percorrendo espazos como a Praza da Liberdade, Oliva, Peregrina, Ferrería e Curros Enríquez.
Relacionadas:
-
Unha cuadrilla de "reiseiros" ambienta Pontevedra
Por Redacción |
-
Os Chichisos, en plenos ensaios para o seu tradicional Cantar de Reis
Por Redacción |
-
O Nadal xa ilumina a Boa Vila
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O Nadal chega ao Museo de Pontevedra cargado de música, clowns, obradoiros e visitas guiadas
Por Redacción |
-
Ponte Xogos e Nadal Xogos, citas imprescindibles do Nadal pontevedrés na Alameda e o Recinto Feiral
Por Diego Espiño |