Ponte Xogos e Nadal Xogos, citas imprescindibles do Nadal pontevedrés na Alameda e o Recinto Feiral
Por Diego Espiño
A Alameda e o Recinto Feiral prepáranse para converterse en centro de atracción do Nadal de Pontevedra con actividades para toda a familia.
Será así coas propostas de Ponte Xogos e Nadal Xogos, que se inaugurarán o vindeiro venres 16 de decembro e que permanecerán activas ata o 8 de xaneiro con propostas de diversión como serán os inchables de fantasía, un iglú con mesas de luz, unha piscina de bólas, contacontos, un tobogán de xeo xigante ou karts eléctricos, ademais doutras actividades entre as que non faltará a visita de Papá Noel.
O único requisito para participar será "contar con ticket de comercio local para promocionar o comercio e hostalería da cidade", segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, tras visitar os traballos de instalación das carpas situadas na Alameda.
Será un "Nadal para os nenos, para as nenas, para os adolescentes e tamén para oos pais", defendeu a edil explicando os espazos cos que contará Ponte Xogos coa Carpa Folerpa (0-2 anos), Carpa Vagalume (3-6 anos), Carpa Lóstrego (7-12 anos) e a Carpa Efémera (espazo familias aberto a todos os públicos).
As instalacións de Ponte Xogos na Alameda estarán iluminadas por tres quilómetros de luces Led e contarán cun Espazo Ártico, un Iglú dotado con mesas de luz cun aforo de 5 persoas; un Espazo Balea, orientado á lectura; e un Espazo Pingüín, na que os nenos poderán gozar nunha piscina de bólas.
Ademais Promoción Económica decidiu recolocar aquí a bóla/photocall que se atopaba ás portas do Mercado de Abastos e que foi obxecto de ataques vandálicos.
En canto a Nadal Xogos, no Recinto Feiral, contará con "un tobogán de xeo xigante, inchables e karts eléctricos serán algúns dous principais atractivos que ofrecerá", ademais de "obradoiros e actividades e que contará con cunha churraría, Zona Baby e Zona Xuvenil", explicou Blanco.
Ambas as dúas iniciativas contarán con horario de tarde entre o 16 e o 22 de decembro (16.30 a 19.30 horas), pasando despois a ter tamén horario matinal (12.00 a 14.00 horas) do 23 de decembro ao 8 de xaneiro.
As carpas só pecharán o 25 de decembro, o 1 de xaneiro, o 5 de xaneiro pola tarde e o 6 de xaneiro, mentres que os días 24 e 31 de decembro adiantarán o seu peche ás 19.00 horas.
Relacionadas:
-
Os Chichisos invitan a participar nos Cantos de Reis
Por Redacción |
-
Volve a feira de artesanía Pontenadal tres anos despois da súa última edición
Por Alejandro Espiño |
-
O poboado da Ferrería será a 'porta de entrada' ao Nadal pontevedrés
Por Alejandro Espiño |
-
O Nadal chega aos 'xardíns que falan' da Praza de España e da Praza de Ourense
Por Redacción |
-
O vándalo da decoración de Nadal do mercado, captado polas cámaras de vixilancia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Esnaquizan a decoración de Nadal do mercado na súa primeira noite
Por Natalia Puga |