Seis iniciativas privadas planean construír cabanas de madeira para uso turístico en Cerdedo-Cotobade
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela informou que hai interese por parte de empresarios do sector turístico en instalar cabanas madeira.
"Estamos atendendo 5 ou 6 iniciativas privadas para poñer en marcha aloxamentos en cabanas de madeira en diversos lugares do concello", confirmou.
Para Cubela estas iniciativas son un "bo sinal do interese que estamos a levantar non so entre a veciñanza senón tamén entre sectores de emprendedores que vén no turismo rural, no turismo familiar un nicho de mercado no que Cerdedo-Cotobade compite e pode ser a curto e medio prazo unha referencia en toda Galicia", indicou.
NOVAS VIVENDAS
No que vai de ano o Concello de Cerdedo-Cotobade atendeu 54 iniciativas de construción de vivendas unifamiliares e reformas.
O alcalde, Jorge Cubela achaca este repunte na actividade da oficina municipal de urbanismo a "un maior dinamismo e interese polo concello" tamén polo despertar que a xente tivo cara ao mundo rural despois do confinamento e a pandemia da Covid-19, así como ás medidas de incentivo para o rural postas en marcha polo seu equipo de goberno. O alcalde lembra que o seu é "un dos poucos concellos que ten eliminado o Imposto de Construción, Instalacións e Obras (ICIO)".