As ‘Sombras atlánticas' de Anxo Cabada chegan ao público infantil e adulto con actividades paralelas
Por Redacción
O Museo de Pontevedra pon en marcha esta semana actividades paralelas á exposición fotográfica de Anxo Cabada ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’.
Cada xoves ás 18.00 horas, o equipo educativo do Museo ofrecerá ás e aos visitantes ‘claves da exposición’, unha introdución ao proxecto expositivo realizada na propia sala para facilitar unha mellor comprensión da mostra.
Ademais, os próximos sábados 19 e 26 de novembro e 10 de decembro, o Museo acollerá tres obradoiros de retrato fotográfico, impartidos por Luis Pereira. Trátase dun obradoiro de ‘retrato resolutivo’.
O obxectivo é que as persoas participantes obteñan un método de traballo efectivo para retratar de maneira resolutiva e co menor equipo posible, aproveitando ao máximo a luz dispoñible.
A inscrición aos obradoiros, que se desenvolven de 10.00 a 14.00 horas, pode facerse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal. Hai dez prazas dispoñibles para cada sesión, dirixidas a público adulto e menores a partir de 12 anos.
A exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, reúne 34 retratos fotográficos de Anxo Cabada a artistas protagonistas do devir da pintura e a escultura en Galicia nos últimos 50 anos e estará aberta no Edificio Castelao ata o 15 de xaneiro.
Cabada retratou en branco e negro a artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.
Relacionadas:
-
Última semana para visitar a mostra 'Sombras atlánticas. Retratos da arte galega', do fotógrafo Anxo Cabada, no Museo
Por Redacción |
-
‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ alumean o Edificio Castelao coas fotos de Anxo Cabada
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os retratos de Anxo Cabada a varias xeracións de artistas, a exposición no Museo
Por Redacción |