‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ alumean o Edificio Castelao coas fotos de Anxo Cabada
Por Mónica Patxot & Redacción
Anxo Cabada, profesor e fotógrafo da Estrada, suma catro anos de percorrido polos estudos de 34 artistas de Galicia coa intención de retratar a aquelas persoas que están a crear imaxe plástica durante o últimos cincuenta anos.
Agora, eses traballos pódense observar na exposición 'Sombras atlánticas. Retratos da arte galega' que se inauguraba este venres 4 de novembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Ata o 15 de xaneiro, as persoas interesadas en observar estas imaxes de gran formato elaboradas en branco e negro terán a oportunidade de achegarse ata esta mostra que, segundo o director do Museo, José Manuel Rey, é unha homenaxe ás persoas que crean beleza.
Os retratos ofrecen a artistas de diversas xeracións e territorios, que nalgúns casos aparecen con algunha das súas obras ou con materiais que utilizan para desenvolver o seu traballo. Noutros casos, ofrécense escenarios que serviron de referencia para estes creadores.
Rey sinala que a mostra se vincula á exposición permanente do Museo, onde se atopan obras de artistas como Ánxel Huete, Jorge Castelo, Tatiana Medal, Almudena Fernández Fariña ou Francisco Leiro. Entre os retratados tamén figura Silverio Rivas, próximo protagonista dunha exposición no Museo, que será inaugurada a finais de novembro.
A eles súmanse outros como Lula Goce, Mónica Alonso, Menchu Lamas ou Carme Nogueira, entre un amplo colectivo que reflicte a arte plástica en Galicia durante as últimas décadas do século XX e do inicio deste XXI.
Todo o material exposto aparece recollido nun vídeo e nun catálogo publicado con motivo da mostra.
Anxo Cabada é un fotógrafo nado en Sabucedo e que se caracteriza por recoller imaxes do territorio galego con proxectos de diferentes temáticas como sucedía en 'Mareagrafías' (2005); 'Terragrafías' (2009), 'Vilagrafías' (2012) e a máis recente, de 2018, 'O imaxinario do país', onde retratou a personalidades da escritura galega.
Relacionadas:
-
Última semana para visitar a mostra 'Sombras atlánticas. Retratos da arte galega', do fotógrafo Anxo Cabada, no Museo
Por Redacción |
-
As ‘Sombras atlánticas' de Anxo Cabada chegan ao público infantil e adulto con actividades paralelas
Por Redacción |
-
Os retratos de Anxo Cabada a varias xeracións de artistas, a exposición no Museo
Por Redacción |