Os retratos de Anxo Cabada a varias xeracións de artistas, a exposición no Museo
Por Redacción
Rostros da pintura e a escultura que marcaron a arte en Galicia nos últimos 50 anos. Eses son os protagonistas dos retratos realizados polo fotógrafo Anxo Cabada que, desde este venres 4 de novembro, poderán contemplarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Forman parte da exposición Sombras atlántica. Retratos da arte galega, que se inaugurará ás sete da tarde, e que está composta por imaxes en branco e negro de 34 creadores de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todos de nacemento ou residencia en Galicia.
A mostra poderá visitarse ata o 15 de xaneiro.
As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.
Na mostra atópanse persoas creadoras que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, ou que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica.
Dentro destes, que na década dos 80 contribuíron a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior, están Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo ou Din Matamoro.
Ademais tamén teñen presenza continuadores da renovación da escultura galega como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz.
Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que cambiou nas últimas décadas e que queda ben reflectido nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada ou Sula Repani.
Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada).
Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en Mareagrafías (2005), a terra en Terragrafías (2009) e as vilas galegas en Vilagrafías (2012), unha proposta literario-fotográfica.
En O imaxinario do país (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este Sombras atlánticas, centrado agora nos que crean a beleza, os artistas.
Relacionadas:
-
Última semana para visitar a mostra 'Sombras atlánticas. Retratos da arte galega', do fotógrafo Anxo Cabada, no Museo
Por Redacción |
-
As ‘Sombras atlánticas' de Anxo Cabada chegan ao público infantil e adulto con actividades paralelas
Por Redacción |
-
‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ alumean o Edificio Castelao coas fotos de Anxo Cabada
Por Mónica Patxot & Redacción |