Ladilla Rusa, Marc Seguí, Son da Rúa e Dios Ke Te Crew levarán a música urbana a Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño
Catro serán as actuacións que se incluíron na terceira edición de Urbana Monte Porreiro, un dos ciclos musicais que forman parte das Festas de Verán de Pontevedra.
Tras o éxito alcanzado nos seus dous primeiros anos, que se organizaron durante a pandemia, o ciclo consolídase na oferta festiva da cidade e mantense con aires renovados.
Así, do 27 ao 30 de xullo, o miradoiro de Monte Porreiro volverá converterse en lugar de peregrinaxe para todos os amantes dos ritmos urbanos que, nestes momentos, dominan gran parte das listas musicais de éxito no noso país.
Os artistas elixidos para a edición deste ano son Ladilla Rusa, Marc Seguí e as bandas galegas Dios Ke Te Crew e Son da Rúa, segundo anunciou a edil de Festas, Carme da Silva.
Dios Ke Te Crew, unha histórica banda de rap e hip hop orixinaria de Ordes (A Coruña), abrirán a nova edición de Urbana Monte Porreiro, o mércores 27 de xullo, ás 22:00 horas.
Ademais de repasar os seus grandes éxitos, presentarán en directo os temas incluídos no seu novo EP, un traballo discográfico titulado En que ano estamos?!.
Ao día seguinte, o xoves 28 tamén ás dez da noite, será a quenda de Ladilla Rusa. O dúo formado por Tania Lozano e Víctor F. Clares, que xa actuou neste ciclo en 2021, regresará a Monte Porreiro para lucir o seu enérxico e peculiar estilo musical, próximo ao electropop.
No seu concerto soarán temas como Macaulay Culkin, KITT y los coches del pasado ou A un metro y medio de ti e, ademais, os cataláns presentarán o seu segundo disco, Costumbrismo Mágico, que inclúe cancións como Todos los días lo mismo ou After Party.
Son da Rúa será a proposta musical para o venres 29, ás 22:00 horas. Os de Ponteareas son, actualmente, unha das grandes referencias do rap galego.
Formado por Hugo Guezeta e Alex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, teñen un estilo que sempre bebe da ironía, da musicalidade e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política.
Urbana Monte Porreiro chegará ao seu fin o sábado 30, ás dez da noite, coa actuación que ofrecerá o músico balear Marc Seguí, un dos artistas con maior proxección do pop español.
Desde que saltou á fama en 2019 co tema Si nos vamos, as súas letras sinxelas, os seus tons melódicos, os seus retrousos pegadizos e a súa voz anxelical permitíronlle cultivar éxito tras éxito, entre eles Tiroteo xunto a Pol Granch. Pinta y colorea, editado en 2021, é o seu primeiro disco.
Todos os concertos do ciclo Urbana Monte Porreiro son de entrada gratuíta.
Relacionadas:
-
Juancho Marqués, Treixadura e o rapeiro Fernando Costa súmanse ás Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Coque Malla, nas Festas da Peregrina: actuará en Pontevedra o 15 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Zahara e Camela amenizarán as Festas da Peregrina os días 14 e 21 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Música, baile, cinema e festa para iniciar xullo nunha Pontevedra "sen parada"
Por Redacción |
-
Maruxa Miguéns e Xosé Romero, os homenaxeados nun Memorial Ricardo Portela que recupera o seu formato
Por Alejandro Espiño |
-
Dez compañías devolverán a animación festiva ás rúas de Pontevedra con Itineranta
Por Alejandro Espiño |
-
O humor nas Festas de Verán, con Luis Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Touriñán e Marta Doviro
Por Alejandro Espiño |
-
Ida Nielsen, Samantha Fish e Andrea Motis nun Festival de Jazz con marcado acento feminino
Por Alejandro Espiño |
-
Con Voz de Muller volve a Pontevedra con Guadi Galego, De Vacas, Ginebras e a afroportuguesa Pongo
Por Alejandro Espiño |
-
Unhas Festas de Verán nas que "non haberá parada" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |