Tocar co corazón, principal causa do éxito da Banda de Música de Salcedo

Por Redacción
A Banda de Música de Salcedo estreará o diploma que o acredita como a mellor banda de música de Galicia no concerto que ofrecerá este sábado ás 20:30 horas no Pazo da Cultura. Cúmprese unha semana dende que este colectivo vencía no VII Certame Galego de Bandas no Auditorio de Galicia celebrado en Santiago de Compostela.
O concerto gratuíto deste sábado constará de dúas partes nas que se desenvolverá un acto de homenaxe aos directores que pasaron por este colectivo musical durante os 25 anos que leva de historia. Durante este ano conmemorativo protagonizaron numerosos concertos que finalizarán o domingo, 8 de decembro, cun concerto da Banda Xuvenil de Salcedo no Teatro Principal.
Na presentación deste concerto estiveron presentes os concelleiros Anxos Riveiro e Agustín Fernández acompañados polo vicepresidente da Asociación Músico-Cultural San Martiño, Mónica Hermida; o director da banda, Alfredo Sánchez e o director da Escola de Música de Salcedo, David Abal. Todos eles destacaron a importancia do traballo realizado durante moitos meses de traballo e agradeceron o esforzo que realizan os pais para manter esta banda de tanta calidade e tan nova. O director Alfredo Sánchez apuntou a que "o factor humano e a capacidade de facer sentir o público e de transmitir" son as principais causas do éxito que conseguiu esta banda e, sobre todo, porque "o facemos de corazón".
David Abal, director da Escola sinalou que nela reside a base da banda e que ese labor pedagóxico permitiu que agora se manteña unha banda infantil, outra xuvenil, a grande e a coral polifónica. Ademais sinalou que a matrícula está aberta durante todo o ano e se pode atopar información na web da Banda.
Relacionadas:
-
O trompetista Rubén Simeó crea canteira na Banda de Música de Salcedo
Por Redacción |
-
A crise non afecta ao compromiso do Concello coa Asociación San Martiño de Salcedo
Por Oskar Viéitez |
-
O VII Certame Galego de Bandas ten gañador pontevedrés: a Banda de Música de Salcedo
Por Redacción |
-
A Banda de Música de Salcedo engaiola os rapaces dos colexios de Pontevedra
Por Redacción |