A Banda de Música de Salcedo engaiola os rapaces dos colexios de Pontevedra
Por Redacción
As palmas botaron fume hoxe no Teatro Principal. Máis de 700 rapaces asistiron aos dous concertos lúdico-didácticos organizados pola Concellería de Educación coa participación da Banda de Salcedo. Un repertorio variado e moi movido, combinado cunha explicación sobre os distintos instrumentos, cativou a un público entregado á música e ás continuas pingas de humor que salpicaron o espectáculo.
O concelleiro Agustín Fernández propúxolles aos rapaces que aproveitaran esta xornada para achegarse á música e, chegado o caso, completar a súa formación académica coa aprendizaxe dalgún instrumento. De seguro que algunha vocación se despertou esta mañá nunha sesión realmente animada.
A xornada estivo repartida en senllas sesións a partir das 10 e as 11.30 horas da mañá. Asistiron os alumnos do colexio Álvarez Limeses, Campolongo, Froébel, Cabanas e Asociación Juan XXIII.
Os músicos fixeron un repaso polo repertorio da banda, celebraron a efeméride sobre o escenario, e mesmo invitaron a dous rapaces do público a dirixilos, nunha performance que resultou realmente divertida.
COLEXIO PRAZA DE BARCELOS
A entrada do colexio de Infantil e Primaria Praza de Barcelos está xa rotulada, atendendo así á petición da comunidade docente.
A Concellería de Educación completa así unha actuación realizada durante o pasado curso, que consistiu na construción dunha viseira de aluminio na entrada. A obra, valorada en máis de 6.000 euros, resultou obrigada despois da aparición de fendas na estrutura de formigón que cubría anteriormente a porta de entrada.