A crise non afecta ao compromiso anual do Concello coa Asociación músico cultural San Martiño de Salcedo
Por Oskar Viéitez
"A pesar da crise" o Concello de Pontevedra renovou o convenio de colaboración coa Asociación músico-cultural San Martiño de Salcedo. Así o destacou Domingo Álvarez Abalde, voceiro desta asociación, durante a firma deste convenio que reporta 25.625 euros para o fomento e mantemento das actividades musicais e culturais que desenvolve a asociación durante este ano.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, agradeceu que se lembre este aspecto xa que o goberno local mantivo todo este tipo de colaboracións sen aplicar ningún recorte "porque temos un Concello saneado que é capaz de manter o tipo".
O convenio compromete á asociación a promover actuacións na cidade e continuar co seu labor formativo a través da Banda de música, da Banda xuvenil, a Escola de Música e a Coral San Martiño.
Neste convenio están enmarcados dez concertos, que a asociación ofrece á cidadanía durante todo o ano.