Pezas de Falla e Lorca para o concerto solidario da Orquestra Sinfónica de Galicia en Pontevedra
Por Redacción
Afundación, a obra social de Abanca, organiza xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia un recital de potenciación do impulso social a través da cultura.
Ambas as entidades, xunto co Banco de Alimentos, colaboran nun concerto no auditorio de Afundación en Pontevedra no que se poderá gozar de pezas de Manuel de Falla e Federico García Lorca coa voz da cantaora Marina Heredia, a un prezo de dez euros cada entrada.
Ademais, este evento, que terá lugar o 24 de febreiro e cuxas entradas se poden adquirir en Ataquilla.com, enmárcase no programa 'Cultura por alimentos' destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade.
Así, Afundación, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio auditorio.
En palabras da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, "esa función social da cultura faise máis visible con proxectos coma este. O noso desexo é que isto permaneza no tempo e nos recorde a importancia da solidariedade para avanzar en conxunto".
Andrés Lacasa, director xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia destacou que "o programa do concerto é sensacional: por un lado, Federico García Lorca, de quen pouca xente coñece a súa vertente máis musical, e Manuel de Falla, un dos colosos da música española. E todo isto coa cantaora Marina Heredia, unha das mellores do panorama actual".
Pola súa banda, Iván Martínez, presidente da Fundación Provincial de Banco de Alimentos, fixo fincapé en na ilusión de poñer en marcha un proxecto deste calado que "se vai prolongar durante todo o ano e que vai supoñer un goteo de doazóns e un recordatorio constante da necesidade de moitas familias".
Relacionadas:
-
'La casa de Bernarda Alba' na Tempada de Teatro de Afundación Pontevedra
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos necesita voluntarios para varias Operacións Quilo á vista
Por Oskar Viéitez |
-
Afundación achega o teatro educativo ás aulas dos centros de Pontevedra
Por Raquel Currás Martínez |
-
A enerxía de Mayumaná atrapa o público pontevedrés
Por Mónica Patxot & Redacción |