'La casa de Bernarda Alba' na Tempada de Teatro de Afundación Pontevedra
Por Redacción
Afundación, a Obra Social de ABANCA, desenvolverá a súa Tempada de Teatro de xaneiro a xuño no Auditorio Sede Afundación Pontevedra.
O 18 de febreiro ás 20.30 h Federico García Lorca regresa á escena no Auditorio Sede Afundación Pontevedra con La casa de Bernarda Alba.
Coma toda obra clásica −e a de Lorca xa o é−, vai medrando día a día, ofrecéndonos facetas diferentes ao compás das mudanzas da sociedade. Que lles di aos espectadores de hoxe este drama de "mulleres das vilas de España"? Pois incide na posición da muller na sociedade cos seus teitos de cristal, diferenzas salariais e a súa indefensión física ante a violencia, proveña de onde proveña. Bernarda ocupa sen ser consciente, ou séndoo de máis, o papel da autoridade, do manexo do poder económico e a representación da orde establecida.
A Tempada de Teatro está incluída no programa solidario de Afundación "Cultura por alimentos", mediante o cal a entidade invita todas as persoas que asistan a este espectáculo a colaborar con esta campaña solidaria coa doazón de alimentos, non perecedoiros, que poderán depositar á entrada do teatro. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais.
O 31 de marzo ás 20.30 h, Cándido Pázó dirixe a Fernando Coronado e Antonio Mourelos en El electo. A piques de dar o seu discurso de investidura, un novísimo presidente de goberno enfróntase a un inesperado problema: un grotesco tic nervioso ameaza con arruinar tan solemne momento. Un psiquiatra acode para atendelo e iníciase unha divertida e incisiva batalla dialéctica entre os dous. Que esconde cadaquén? Cales son as verdadeiras intencións dun e doutro? Que feitos da nosa vida marcan o noso futuro e, sobre todo, a nosa vocación?
A adaptación teatral da grande obra mestra de Emilia Pardo Bazán, Los pazos de Ulloa, estará no Auditorio Sede Afundación Pontevedra o 7 de abril ás 20.30 h, con Pere Ponce, Ariana Martínez e Marcial Álvarez. Un alegato contra a violencia e a crueldade, centrándose no enfrontamento entre o desexo, a paixón e o amor, a violencia rural do mundo caciquil e a cortesía e as boas maneiras da cidade (Santiago de Compostela). Pola obra desfilan un cacique, un cura con paixóns contidas, unha muller namorada…
El abrazo, con versión e dirección de Magüi Mira, e as interpetacións de María Galiana e Juan Meseger, representarase no Auditorio Sede Afundación Pontevedra o 19 de maio ás 20.30 h. Unha muller, Rosa, e un home, Juan, de avanzada idade e antigos amantes, reencóntranse e abrázanse despois de case unha vida na que o seu desexo de ter un fillo seguiu latexando. Ese mesmo día, un home aparece feliz na porta de
Rosa. É real ou un soño imposible? É un agasallo do destino ou a creación dun problema que as súas vidas son incapaces de asumir? Son os soños, finalmente, a única realidade posible? Christina Herrström pon a proba, con humor e boas doses de acidez, a nosa oxidada capacidade de amar.
Finalmente, María Castro, Miguel Hermoso e Gorka Otxoa representarán La coartada o 19 de xuño ás 20.30 h. Ana é unha muller ao límite. Divorciada e atormentada polo seu pasado, pide axuda ao seu mellor amigo para prepararse a testificar na que, sen dúbida, será a declaración máis importante da súa vida. Dela dependerá non só a custodia da súa única filla, senón tamén a súa propia liberdade. Ao longo da noite, o enfrontamento descarnado cos seus demos revelará ata onde é quen de chegar para evitar o peor de todos os seus medos: o silencio.
Relacionadas:
-
Mourelos e Coronado presentan a comedia 'El Electo' en Afundación este xoves 31
Por Anxo Lourido |
-
"O noso planeta", unha exposición que xunta a beleza do mundo co clamor pola sostibilidade
Por Oskar Viéitez |
-
Pezas de Falla e Lorca para o concerto solidario da Orquestra Sinfónica de Galicia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Afundación achega o teatro educativo ás aulas dos centros de Pontevedra
Por Raquel Currás Martínez |