O Banco de Alimentos necesita voluntarios para varias Operacións Quilo á vista
Por Oskar Viéitez
A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita persoas voluntarias en Pontevedra, Marín, Lalín e Cambados para poder levar a cabo distintas Operacións Quilo previstas ao longo dos próximos meses.
A primeira cita con presenza de voluntarios será o ‘Zampakilos Solidario’ prevista o 11 e 12 de marzo en numerosas localidades de toda a provincia.
"Trátase de regalar catro horas do noso tempo a favor das persoas máis vulnerables ás que atendemos na provincia", argumentan desde o Banco de Alimentos.
As persoas interesadas en colaborar poden contactar a través da web desta Fundación.
O ‘Zampakilos Solidario’ desenvolverase dunha maneira mixta, é dicir, os doantes que acudan aos supermercados adheridos poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios ou, se o prefiren, facer achegas económicas ao pasar por caixa. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida, co diñeiro recadado, os supermercados adheridos habilitarán un saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.
O estalido e incidencia da pandemia obrigou a suspender todo tipo de recollida de alimentos física nos supermercados e, aínda que nalgúns momentos de 2021 volveron participar nalgunha destas campañas, realmente, non é ata o de agora, cando confían en poder renovar de maneira completa as tradicionais Operacións Quilo.
Estas iniciativas supoñen un gran impulso no que a provisión inmediata de produtos de primeira necesidade refírese, co correspondente abastecemento do almacén situado en Faustino Santalices.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021, dos cales, 370.000 quilos corresponderon á delegación de Pontevedra, o que supuxo un 8 por cento máis que todo o entregado en 2020.
Na actualidade axudan a unhas 22.000 persoas desfavorecidas en toda a provincia (unhas 5.000 en Pontevedra e as súas comarcas) ás que llegana través de 150 ONG e entidades homologadas (40 na zona pontevedresa) coas que traballan.