Primeiras actuacións confirmadas para A Revolta do Umia
A conta do Festival A Revolta do Umia publicou este martes os primeiros nomes que encabezan o seu cartel. Como é costume, o acto terá lugar na aldea de Vilar de Mato, situada no concello de Cuntis.
Os asistentes poderán gozar da música en directo de grupos de indie e rock como Terbutalina, Bala, Igloo, Lisdexia e Capital Voskov ou o solista Grande Amore, mais aínda quedan artistas por confirmar.
Antes dos concertos da tarde-noite do venres 26 e sábado 27 de agosto, realizaranse diversas actividades ao aire libre durante o día. Nas edicións pasadas contouse con obradoiros, xogos populares e unha sesión vermú previa ao xantar popular.
As entradas poñeranse á venda este xoves, de acordo co chío da conta oficial do Turismo de Cuntis, e os primeiros abonos contarán cun desconto especial.