Comezan os trámites para declarar Ben de Interese Cultural o xacemento de Adro Vello
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o inicio os trámites para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o Adro Vello, o xacemento arqueolóxico situado na parroquia de San Vicente do Mar dentro do Concello do Grove. A súa aprobación definitiva resolverase nun prazo máximo de dous anos.
Esta acción implica a protección inmediata da zona, que abarca o bordo da praia do Carreiro. A delimitación procura seguir os límites actuais do catastro, tendo en conta a morfoloxía do terreo e as aparicións de restos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos próximos. Os elementos recuperados ata o momento van desde a época romana ata a actualidade, pasando por restos dunha necrópole de inhumación, unha igrexa do medievo ata partes de utilería de estuco, cerámica e cantería.
A declaración deste castro como BIC, segundo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xustifícase polo "seu interese científico, así como a súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma".
Ademais, recoñecen a relevancia do conxunto para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. Deste xeito, a súa contorna e a variada tipoloxía de restos avalan o potencial do Adro Vello non só para o estudo da época romana, tamén para a tradición xacobea, que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.
Relacionadas:
-
Dúas xornadas de visitas guiadas para coñecer o xacemento de Adro Vello
Por Redacción |
-
Inician os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello
Por Redacción |
-
O PP esixe á Deputación un plan propio para potenciar os castros da provincia
Por Redacción |
-
A Xunta incoará a declaración BIC do xacemento do Adro Vello nos vindeiros días
Por Redacción |