Soalleira, o concurso de música tradicional, regresa a Sanxenxo este domingo
Por Redacción
O III Concurso de Música Tradicional Soalleira chega este domingo 17 de outubro ao Pazo de Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo con 32 grupos procedentes das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.
O certame terá lugar en horario de mañá e de tarde, ás 11:00 e ás 16:00 horas, quendas nas que se repartirán as catro categorías participantes.
O concurso está organizado pola Asociación Cultural Soalleira de Dorrón e o Concello de Sanxenxo, que destina 7.000 euros para este evento, incluída a loxística, difusión e adecuación do espazo, e forma parte do programa Sanxenxo Fala.
Nesta ocasión contará cunha pantalla no exterior dende onde se poderán seguir as actuacións, se o aforo do salón de actos está completo, e tamén cunha carpa onde poderán esperar os grupos participantes.
As categorías A (ata 10 anos), B (de 11 a 13 anos) e C (de 14 a 17 anos) competirán durante a mañá e a D (de 18 anos en diante) pola tarde. Repartíranse un total de 3.500 euros en premios e o xurado terá en conta a autenticidade, dificultade, afinación e interpretación. Así mesmo haberá tamén 2 premios para mellor vestiario.
A pandemia obrigou a suspender o ano pasado o concurso e neste 2021 a pospoñelo ao mes de outubro. A idea é que o próximo ano se volva á data marcada inicialmente no mes de maio.
Dende a Concellería de Cultura, Paz Lago destaca a calidade deste concurso, plenamente consolidado no calendario autonómico, e a importancia dun evento cultural que enriquece a programación cunha aposta clara pola tradición e o folclore popular.
Relacionadas:
-
O IV Concurso de Música Tradicional Soalleira celebrarase o vindeiro 8 de maio
Por Redacción |
-
39 agrupacións participaron no segundo Concurso de Música Tradicional Soalleira
Por Redacción |
-
Os Xirros, Os do Cotro, As Merlas, Os da Tecedeira, Os Mighelóns... están todos en Dorrón
Por Redacción |
-
Case corenta agrupacións participaron no I concurso de música tradicional Soalleira
Por Redacción |