'Regreso á Illa de San Simón' preséntase no Museo para achegar a memoria histórica á mocidade
Por Redacción
Este venres 15 de outubro ás 20.30 horas, o edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá a presentación de 'Regreso á Illa de San Simón', un traballo colectivo que impulsa o departamento de Memoria Histórica da Deputación Provincial.
Trátase da primeira publicación destas características realizada polo organismo provincial para ofrecer unha exposición dos feitos sucedidos durante os anos da ditadura franquista na Illa de San Simón coa intención de achegarlla á mocidade.
Kiko Da Silva é o coordinador deste proxecto, que contén obras de trece creadores gráficos formados na Escola do Garaxe Hermético. Os debuxantes relatan historias que se desenvolven entre 1936 e 1943 nesta zona da ría de Vigo.
Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, e Lorena Nikoli son as persoas encargadas de contar estes acontecementos. Estarán presentes con Kiko Da Silva durante a presentación, á que tamén asistirán Carmela Silva, presidenta provincial, e María Ortega, deputada responsable de Memoria Histórica.
As persoas que queiran acudir como público a este acto deberán inscribirse previamente no correo electrónico memoriahistorica@depo.gal
María Ortega sinala que o libro de narrativa gráfica será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén en bibliotecas e puntos de lectura dos diferentes municipios. Aquelas persoas interesadas nesta obra tamén poderán solicitala nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da Deputación, que se atopan situadas no edificio do Arquivo Provincial.
Relacionadas:
-
'Regreso á Illa de San Simón' será reeditado ante a alta expectación xerada
Por Redacción |
-
A Gala da Memoria homenaxeará a través da música ás persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación abre unha nova liña de axudas para retirar simboloxía franquista
Por Redacción |
-
O Principal vístese con alfombra amarela para reivindicar a memoria histórica coa estrea de "Acorda"
Por Redacción & Mónica Patxot |