O Principal vístese con alfombra amarela para reivindicar a memoria histórica coa estrea de "Acorda"
Por Redacción & Mónica Patxot
O amarelo, a cor corporativa do programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’ da Deputación de Pontevedra foi este venres a cor da alfombra de gala que pisaron todas as protagonistas do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’ no Teatro Principal.
A preestrea da peza, que se fixo coidando ata o último detalle, fixo un percorrido polos “lugares onde habitou o silencio, o medo e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras”, e puxo de manifesto a transcendencia que para a Deputación ten “camiñar ao lado das vítimas” e “poñer o foco na aposta pola liberdade”, segundo subliñou a deputada de Memoria María Ortega.
O acto comezou coa apertura do photocall no que se retrataron as deputadas provinciais e as intérpretes Uxía, Tanxugueiras, Sheila Patricia, Eladio Santos; parte do elenco de actrices e actores como Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, Sofía, Gonzalo Valcárcel, Ana Facchini, Clara Iglesias, María Porto, María Diéguez, André Ces ou o pequeno Lois Pérez; a fotógrafa Alba Díaz e o guionista Lois Pérez; a asesora Montse Fajardo; así como testemuñas como Queta Molas, Blanca Francés ou ‘Tatán’, que participaron todos eles no documental, xunto con representantes dos colectivos memorialistas.
O poeta Lois Pérez, exercendo de presentador, afirmou que o documental ‘Acorda’ fíxose con toda a alma e moito esforzo, “buscando a poesía da verdade”, pero tamén implicou un exercicio de responsabilidade, “o de honrar xustamente esa verdade dos feitos e a memoria das vítimas”. Sabemos, dixo, que se trata dun proxecto “que é só un gran de area máis nunha inxente causa colectiva” que lideran moitas persoas e asociacións e colectivos “que levan moito tempo, nalgúns casos toda a súa vida, loitando para que se faga xustiza e se honre a memoria das vítimas e a súa dignidade”.
Tomou logo a palabra a deputada María Ortega, para sinalar que é un día importante no que “imos facer memoria cunha arma moi potente para a reivindicación: a arte, a música. A reivindicación da verdade, da xustiza e da reparación, da loita pola impunidade. A reivindicación da resistencia, a reivindicación das ideas, a reivindicación da liberdade”.
Logo da proxección do documental, que durou unha hora, deuse paso a un pequeno coloquio no que participaron Uxía, como directora artística, e Blanca Francés, neta de represaliado, e Queta Molas, presidenta ARMH de Marín, ambas participantes en ‘Acorda’.
Outro dos momentos máis emotivos da xornada foron as intervencións de Queta Molas e Blanca Francés. A primeira fixo un percorrido polo seu compromiso coa memoria, lembrando a súa infancia e ao seu pai falando do lazareto e a caixa feita a man con madeira de buxo do paseo de San Simón que aínda conserva con fotos e cartas da época.
Subliñou que aos poucos ela foi coñecendo a historia tanto do seu proxenitor como doutros homes que estiveran en San Simón, e interiorizando as historias de fusilamentos, paseos, cárcere e problemas cos papeis que arramplaran a mocidade de todos eles. Molas manifestou a súa esperanza en que no curto prazo as dúas rúas aínda con nomes relativos ao Franquismo en Marín e os símbolos da igrexa vella sexan retirados en homenaxe ás vítimas.
Blanca Francés, pola súa banda, afondou na historia da súa familia que non puido contar no documental: que fusilaron a un tío no mes de xullo, ao avó en agosto e a dous tíos-avós en setembro. “Todas as historias estaban sumidas no silencio. Nós os nenos non sabiamos nada. Eu non sabía de que morrera meu avó... Cando unha curmá me dixo que o mataran eu imaxinaba un heroe nun cabalo branco entrando nunha praza morto dun disparo, pero nunca preguntei. Despois meu pai comezou a falar e nunca parou”, dixo.
Francés fixo tamén unha chamada á xente moza para que “coñezan e sigan contando memoria”. ”Eu síntome como a portadora da memoria. Os meus fillos tamén. Quero que a xente saiba para que non volva pasar", rematou.
Relacionadas:
-
O sábado presentarase o libro-disco do proxecto de memoria histórica 'Acorda'
Por Redacción |
-
O documental sobre memoria histórica 'Acorda', na plataforma Filmin ata o 24 de novembro
Por Redacción |
-
'Cineuropa' inclúe na súa sección oficial ao documental 'Acorda' sobre a memoria histórica
Por Redacción |
-
"Parece que todo esta resolto e se pode pasar páxina, pero non é así"
Por Redacción |
-
'Regreso á Illa de San Simón' preséntase no Museo para achegar a memoria histórica á mocidade
Por Redacción |
-
‘Acorda’, o documental sobre a memoria histórica, chega este venres ao Ourense Film Festival
Por Redacción |
-
A Deputación encherá este venres o Teatro Principal coa estrea dun documental sobre a memoria histórica
Por Redacción |