A Deputación abre unha nova liña de axudas para retirar simboloxía franquista

Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia.
Trátase de achegas que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica este mércores no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
As axudas poderán destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega lembra que a retirada da simboloxía franquista é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, "a Deputación de Pontevedra pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os concellos da provincia poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente ".
As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas.
A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
Relacionadas:
-
A Gala da Memoria homenaxeará a través da música ás persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo
Por Oskar Viéitez |
-
'Regreso á Illa de San Simón' preséntase no Museo para achegar a memoria histórica á mocidade
Por Redacción |
-
Presentan en Pontevedra 'Acorda', un documental "exemplo de resistencia e dignidade"
Por Mónica Patxot & María José Pita |